Falece unha moza de 25 anos ao caerlle unha pedra na cabeza na Praia das Catedrais

A muller, de Valladolid, atopábase no interior dunha das covas do areal. O seu corpo foi trasladado a Lugo mentres a súa familia se despraza a Galicia desde Alemaña.

Por E.P. | Ribadeo | 31/03/2018 | Actualizada ás 16:48

Comparte esta noticia

Unha moza de 25 anos natural de Valladolid faleceu este sábado mentres visitaba a Praia das Catedrais, no municipio lucense de Ribadeo, ao caerlle unha pedra na cabeza cando se atopaba no interior dunha das covas do areal.

Praia das Catedrais en Lugo
Praia das Catedrais en Lugo | Fonte: Europa Press

Segundo confirmaron fontes de Urxencias Sanitarias 061, o accidente produciuse no mediodía deste sábado. A moza recibiu o impacto dunha rocha que se desprendeu dunha das covas que conforman a paraxe das Catedrais.

Logo de recibir o aviso, o 061 desprazou ao momento un equipo médico que non puido facer nada pola vida da moza, de iniciais I.V.Z., que faleceu no acto por mor dun traumatismo cranioencefálico severo.

O corpo da moza foi trasladado ao Hospital Lucus Augusti da capital lucense, onde na mañá deste domingo está previsto que se realice a autopsia. Diso informou na tarde deste sábado o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, que expresou o seu pesar polo accidente e indicou que o consistorio que dirixe mantén contacto coa familia da falecida, que esta fin de semana se atopaba en Alemaña e que xa está de camiño a Galicia.

A rapaza atopábase pasando as vacacións de Semana Santa xunto á súa parella en Galicia. O fatal accidente ocorreu ao redor das 13,00 horas no interior dunha das covas do areal, que na mañá deste sábado rexistraba gran afluencia de visitantes coincidindo coa marea baixa.

O rexedor lamentou que, a pesar de que nas inmediacións da praia había "algúns médicos" que se achegaron a tratar de reanimar á vítima e que os servizos de emerxencia acudiron "con moita celeridade" ao lugar, non se puidese facer nada pola vida da rapaza, que faleceu no acto.

Este suceso prodúcese na primeira semana da temporada de control de acceso ás Catedrais, areal ao que só se pode acceder cunha autorización que debe tramitarse a través de Internet.

Este plan, aprobado polo Goberno galego en xuño de 2015, foi activado pola Xunta durante a Semana Santa de 2016 e establece unha afluencia máxima de 4.812 persoas diarias en temporada alta, é dicir, tanto en Semana Santa como no verán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta