Denuncian que o Concello de Maside queima compoñentes tóxicos nun vertedoiro municipal

Plataforma Masidá denuncia a existencia deste vertedoiro a escasos 40 metros dun complexo recreativo. Esta entidade xa presentara denuncia ante o Servizo de Calidade e Avaliación Ambiental e a Fiscalía de Medio Ambiente de Ourense polo soterramento de residuos da construción nunha leira privada.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/04/2018 | Actualizada ás 11:21

Comparte esta noticia

Plásticos, peumáticos ou mobles vellos. Todo acaba sendo queimado nun vertedoiro municipal do Concello de Maside que se atopa a a escasos 40 metros dun complexo recreativo. Así o denuncia Plataforma Masiá que critica que sexan operarios do concello os que queiman e acumulan restrollos e outros compoñentes tóxicos.

Esta entidade lamenta a "permisidade" das institucións ante este tipo de condutas que, di, "degradan a calidade do chan e o medio ambiente da zona". Lembran, ademais,  que xa presentara denuncia ante o Servizo de Calidade e Avaliación Ambiental e a Fiscalía de Medio Ambiente de Ourense polo soterramento de residuos da construción nunha leira privada, do que o Concello de Maside tiña constancia. "Ambas as denuncias foron arquivadas a pesar de existir dúas probas periciais do Servizo de Criminalística do Seprona que acreditaba o soterramento destes materiais", engade.

Por iso, Plataforma Masidá non descarta volver denunciar este tipo de actucións e omisións ante as autoridades competentes, e en caso de recibir a mesma resposta, solicitar o amparo do Defensor do Pobo. Considera que este tipo de condutas, á marxe de ser constitutivas de ilícitos penais ou administrativos, non son de recibo nunha sociedade do século XXI, e "son contrarias á máis mínima sensibilidade ambiental".

Presunto vertedoiro ilegal en Maside, Ourense
Presunto vertedoiro ilegal en Maside, Ourense | Fonte: Plataforma Masidá

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta