Temas: VIGO TRANSPORTE

O goberno local de Vigo denunciará o contrato coa empresa Vitrasa para evitar a súa prórroga

En Marea pide un acordo de transporte metropolitano entre Xunta e goberno e auditar os investimentos da concesionaria

Por Galicia Confidencial | Vigo | 05/04/2018 | Actualizada ás 12:02

Comparte esta noticia

O concello de Vigo está "a traballar" para denunciar en 2019 o contrato da concesión do transporte de bus urbano. Procuraría así evitar así a prórroga deste documento que expira a mediados de 2020. Isto explicouno  este xoves a concelleira de Transportes, Ángeles Marra nunha sesión plenaria ordinaria.

O alcalde de Vigo,  Abel Caballero.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero.

Ángeles Marra fixo esta precisión no debate dunha moción presentada por Marea de Vigo. Este grupo pedía instar a Xunta e Concello a acordar un novo convenio de transporte metropolitano. Ademais pedían evitar a prórroga da concesión de Vitrasa, e someter calquera investimento da empresa a unha auditoría que avalíe o seu alcance no futuro concurso público.

O portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, sinalou que pode haber un acordo sobre transporte metropolitano aínda sen a lei da área Metropolitana. Pérez pediu "pór o foco sobre a concesionaria". "Queremos saber cando acaba a concesión, por que no último ano do contrato a empresa fai un investimento tan brutal en renovación de frota e paga o envío de cartas coa cara do alcalde para promocionar a tarxeta PassVigo", cuestionou.

A concelleira de Transportes reafirmou o compromiso, proclamado polo alcalde, Abel Caballero, de non prorrogar a concesión, que finaliza en xuño de 2020, e incidiu en que o goberno está "a traballar" para denunciar o devandito contrato en 2019, antes de que este se prorrogue automaticamente.

Ángeles Marra tamén subliñou que a tarxeta PassVigo "non é un cartón de Vitrasa, é do Concello de Vigo", e forma parte do proxecto 'Vigo Smart City'. Así mesmo, rexeitou que a empresa concesionaria poida ter algún interese oculto en realizar investimentos, como a da renovación da frota, xa que esta é unha cuestión incluída no prego de condicións do contrato.


CONVENIO QUE XA EXISTE

A concelleira do PP no Concello olívico Teresa Egerique expresou o acordo do seu grupo coa moción de Marea. Non obstante precisou que non é necesario que o goberno local e o galego elaboren un novo convenio de transporte metropolitano, porque este "xa existe" e "foi asinado polo alcalde Abel Caballero".

"É o mesmo modelo que asinaron outros alcaldes socialistas no seu día, e non entendemos por que en Vigo non se puxo en marcha. É típico do estilo socialista asinar algo e non cumprir", incidiu Egerique. En todo caso, Egerique' admitiu que é "necesaria" unha auditoría da xestión da concesionaria do bus urbano que, do mesmo xeito que Aqualia, é un exemplo de empresa "que non devolve á cidade" os ingresos, en forma de servizos, que recibe dos veciños. Finalmente, a moción de Marea de Vigo foi rexeitada, posto que só este grupo votou a favor, mentres que o PP se abstivo, e o grupo de goberno votou en contra.

Temas: VIGO TRANSPORTE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

se algo funciona en Vigo é VITRASA (outra cousa son os prezos!)