Precursores e discípulos da galeguización xurídica

Chegado o mes de novembro teremos a oportunidade para conmemorarmos o centenario da celebración da primeira asemblea nacionalista celebrada en Lugo que proclamou a soberanía estética de Galicia para poñer orde as construcións urbás e rurais.

Por Xosé Glez. | Redondela | 10/04/2018

Comparte esta noticia
Propuña o texto aprobado que para conquerir tal obxectivo compría “ditar unha lei que obrigue aos propietarios a axeitaren o estilo das súas construcións ao estilo xeral  de cada vila galega”. Noutras palabras: pedían o respeto polas distintas tipoloxías de construción existentes en Galicia que por entón empezaban a ser desnaturalizadas.
 
Pero tamén tamén  propuñan que as leis se ditasen en idioma galego. A maiores propuñan que a  función dos Tribunais de Xustiza rematara en recurso derradeiro en Galicia e sempre realizada por funcionarios galego. Na segunda asemblea celebrada  o ano seguinte en Compostela matizáronse algunhas destas propostas programáticas para maior concreción.
Entre  as moitas personalidades que acudiron  ao cónclave de Lugo estaban os xuristas Lois Peña Novo e Roberto González Pastoriza dos que se cumpren os  125 e 120 anos, respectivamente, dos seus nacementos, que polos seus principios éticos e fidelidade á legalidade republicana sufriron persecucións e desterros impostos polas autoridades sublevadas en 1936.
 
Tanto Peña Novo como González Pastoriza fan parte dunha amplísima nómina de xuristas comprometidos coa causa galeguizadora que son, aínda hoxe,  descoñecidos para a inmensa maioría dos profesionais do dereito, por mor do desleixo  das facultades de dereito, colexios profesionais de avogados e escolas de prácticas xurídicas. En ningún destes escenarios académicos o alumnado ten a posibilidade de formarse cursos específicos sobre a historia do dereito galego e dos seus valedores.
 
A Irmandade Xurídica Galega séntese herdeira desa tradición que vén reivindicando desde hai ben anos. E faino da mellor maneira: exercendo un continuado labor de galeguización da Administración de Xustiza e dos ámbitos xurídicos, público e privado, co maxisterio do seu exemplo.
 
Se tempo atrás se celebraron actos de galeguización xudicial nos xulgados de A Fonsagrada, Cangas e Cambados, o próximo día 13 escenificarase outro nos do Partido Xudicial de Caldas de Reis para conmemorar as primeiras sentenzas ditadas en lingua galega naqueles órganos xurisdicionais protagonizados polos maxistrados don Manuel A. Pereira Costas, dona Dalila Dopazo Blanco e dona Encarna Dasi Dorelle.  Todos os tres son, por méritos propios, acredores da homenaxe programada por ese compromiso pioneiro e continuado coa lingua galega ao que están convocados avogados, procuradores, xuíces de paz, entidades societarias, culturais e veciñais, forzas e corpos de seguridade.
 
Ese día, amais dos xuíces homenaxeados, tamén serán protagonistas os alcaldes e alcaldesas que asinaran a “Declaración de Caldas de Reis”, comprometéndose a lideraren o proceso de normalización lingüística no ámbito local e nos eidos das actividades administrativas e  xurídicas coa adopción de  medidas concretas por parte das asesorías xurídicas, propias ou externalizadas, e das policías locais que son parte de moitos procesos xudiciais, como denunciante ou testemuñas.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA