A Xunta sobe un 106% a publicidade nos medios polo Día do Libro mentres conxela as axudas a editoriais

O Goberno galego dedica 123.774,51 euros á promoción deste día, cantidade que supón o 62% do total que dedica todo o ano á tradución de libros ao galego e do galego a outras linguas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/04/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Ano tras ano, a Xunta de Galicia dirixida polo Partido Popular mantén conxelado o orzamento para a tradución de libros ao galego e do galego a outras linguas en 200.000 euros, 100.000 menos do que se dedicaba o ano que entrou Feijóo na Xunta, en 2009. Porén, gastará 123.774,51 euros (con IVE) nunha campaña publicitaria en medios de comunicación co gallo do Día Mundial do Libro, que se celebra cada 23 de abril. Isto é, para unha campaña puntual e tan limitada coma esta gastará o 62% do que inviste en todo un ano en estimular a tradución editorial galega.

O conselleiro de Cultura, na Feira do Libro de Santiago.
O conselleiro de Cultura, na Feira do Libro de Santiago.

A política de promoción da literatura en Galicia volve, unha vez máis, a somerxerse nun paradoxo: mentres as editoriais apenas reciben axudas suficientes para a tradución de obras, xornais, televisións e radios —maiormente en castelán— benefícianse con importantes inxeccións de cartos públicos mediante publicidade da Xunta de Galicia, unha vía que semella non ter nin fin nin fondo.

Este novo aluvión de cartos para encher as arcas de determinados medios de comunicación chega polo xa clásico contrato negociado sen publicidade —baseado nun acordo marco—, pola habitual porta, a da Secretaría Xeral de Medios, dependente de Presidencia da Xunta de Galicia, isto é, baixo o control directo de Alberto Núñez Feijóo. Mentres que as axudas a promover a tradución de obras en galego a outros idiomas e de obras escritas orxinariamente en galego para outras linguas son adxudicadas pola Consellería de Cultura e Educación, gobernada por Román Rodríguez González.

A situación de conxelación —case semella unha condena a perpetuidade— das axudas ás editorias contrasta co xeneroso aumento do gasto en publiciade nos medios co gallo do Día do Libro. Así, mentres a convocatoria da Xunta de subvencións para a tradución de libros se mantén conxelada por oitava vez en 200.000 euros (Orde do 22 de novembro de 2017), a partida destinada a publicidade en prensa, radio e televisión aumenta un chisco máis do dobre respecto do pasado ano, un 106%.

En concreto, en 2017 o Goberno galego gastou 60.003,89 euros (con IVE) euros na campaña en medios para a promoción do Día Mundial do Libro. A campaña foi adxudicada a Proximia-Havas S.L., e tivo un período de execución de tan só cinco días, a razón de 12.000 euros por día. 

Este ano, a execución da campaña foille adxudicada a C. Grupo de Empresas de Comunicación Marketing e Investigación S.A. por un valor de 123.774,51 euros. A resolución sinala que 65.840,57 euros —o 52% do total— deberán ser investidos no medio máis decadente, a prensa en papel, mentres que 19.824,04 euros —tan só o 16%— serán para pagar publicidade en edicións dixitais. O resto vai para radio.

CAÍDA E CONXELACIÓN DAS PARTIDAS A EDITORIAIS

Recentemente, Silvia Montero Küpper, profesora do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo, analizou as convocatorias das axudas públicas á tradución editorial en Galicia dende o inicio da crise económica, en 2008, até o ano 2016.

Entre os anos 1987 a 2006, as axudas anuais á tradución da Xunta de Galicia incluíanse nas convocatorias de subvencións para o fomento da edición do libro galego en xeral. Pero en 2007 a Administración galega convocou por vez primeira subvencións de carácter exclusivo para financiar a tradución editorial dende e do galego; unhas axudas anuais en réxime de concorrencia competitiva dirixidas ás editoriais.

Naquela primeira convocatoria a partida orzamentaria foi de 200.000 euros, cantidade que se elevou na seguinte convocatoria até os 282 689 euros, cos que se subvencionaron 144 obras. Pero a partir dese momento, xa en tempos de crise e coincidindo co cambio de goberno en Galicia, os recortes económicos afectaron tamén a estas subvencións.

Montero Küpper lembra que "despois de omitilas naquel ano", a Xunta volveu incluír as axudas á tradución no ano 2010 cun orzamento de 300.000 euros. Pero a partir de 2011, e coa excepción de 2012, cando a contía máxima adxudicada foi de 168.000 euros, a partida orzamentaria desta axuda fixouse en 200.000 euros. E a partir da convocatoria de 2013 explicitáronse as contías máximas para a intratradución (120.000 euros) e para a extratradución (80.000 euros). Desde entón, mantéñense invariables.

AUMENTO DAS AXUDAS AOS MEDIOS

A Xunta segue a súa política de guindar diñeiro público cara os medios privados e, este ano, cunha partida moito máis avultada que no ano 2017: xa lles leva enchufados 300.000 euros máis, o que supón un aumento do 8,4%. Unha suba que se acumula á que xa se fixo en 2016, de xeito que, en tres anos, o Executivo incrementou case un 50% estas partidas, dato que contrasta coa conxelación das axudas ás editoriais galegas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 remo

jajaja, ten que arramblar todo para o panfleto da voz antigallega e o seu amiguito santiago rey e robertito blanco. Son insaciables, manipular tódolos días ós galegos sae moi caro e hai que pagalo ben.