O Supremo confirma que ex-directivos de Novacaixagalicia teñen que devolver 10,4 millóns das súas prexubilacións

José Luís Pego e Gregorio Gorriarán deberán pagar 6.476.237 e 3.969.349 de euros, respectivamente.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2018 | Actualizada ás 20:16

Comparte esta noticia

A Sala do Penal do Tribunal Supremo confirmou este luns que os ex-directivos de Novacaixagalicia José Luís Pego e Gregorio Gorriarán deberán pagar 10,4 millóns de euros á entidade financeira sucesora nos dereitos e obrigacións da entidade polo cobro das súas prexubilacións millonarias. En concreto, segundo recolle a sentenza, Pego Alonso e Gorriarán deberán devolver 6.476.237 e 3.969.349 de euros, respectivamente.

José Luís Pego e Gregorio Gorriarán.
José Luís Pego e Gregorio Gorriarán.

O tribunal conclúe que a conduta dos acusados consistiu en elaborar "uns contratos de alta dirección blindados para unha prexubilación de altísimas remuneracións en plena crise bancaria", dado que, lembra, o FROB tivo que inxectar unha suma de máis de 9.000 millóns de euros "para reflotar as caixas, unificalas e bancarizalas", creando NovaCaixaGalicia Banco.

"Os acusados, a través dos novos contratos e a propósito de que ían ser cesados nos seus postos cando se constituíse o novo banco, conseguiron que, mediante engano, se lles aprobasen uns contratos de prexubilación cuxa suma supuxo para o novo banco unhas cantidades a devolver, cando menos, duns doce millóns de euros, a favor dos catro altos dirixentes", recolle o fallo.

Este diñeiro foi cobrado no ano 2011, cando levaba "xa tres anos achegando diñeiro público ás entidades bancarias en crises", conclúe a Sala.

SEN RESPONSABILIDADE SOLIDARIA

A Sala estimou parcialmente os recursos de casación interpostos por José Luís Pego, Gregorio Gorriarán e Óscar Rodríguez Estrada contra a sentenza da Audiencia Nacional, de 19 de outubro de 2016, que lles declarou responsables civís solidarios en relación co delito de apropiación indebida por "xestión desleal". Desestimou, pola súa banda, o recurso de Ricardo Pradas Montilla.

O tribunal lembra que unha sentenza anterior, na que se confirmaron as responsabilidades penais, devolveu a causa á Audiencia Nacional para que "corrixise" algúns aspectos relativos ás responsabilidades civís, por considerar que se resolveron de forma errónea.

En concreto, entendía que sumara as dúas cantidades alternativas de restitución dineraria que propuxera o fiscal dependendo de que o delito obxecto de condena fose o de estafa —máis de dez millóns de euros— ou o de apropiación/administración desleal —máis de tres millóns de euros— en lugar de optar por unha delas.

Na súa nova sentenza, a Audiencia Nacional optou pola primeira alternativa, debido a que dese modo se indemnizaba en maior contía aos prexudicados.

A nova sentenza do TS afirma que a sala está de acordo con ese criterio, dada a natureza e contido dos contratos, que eran "claramente fraudulentos", algo que "resulta inexplicable, posto que enganaron ao Consello de Administración do Banco, segundo consta nos feitos probados". "Dado o cal, e aínda que non se entra en profundidade no tema, resulta patente que estamos ante un delito de estafa e non de apropiación indebida, e así se deixa entrever na sentenza", conclúe.

A Sala explica que a razón da estimación parcial dos recursos reside en que a Audiencia Nacional, ao impor a todos a responsabilidade solidaria na súa segunda sentenza, sen que o solicitou ningunha acusación, prexudicou aos acusados, que foran condenados como responsables directos na primeira sentenza.

Por ese motivo, deixa sen efecto a responsabilidade civil solidaria atribuída pola sentenza recorrida a estes tres recorrentes e establece a responsabilidade directa de José Luís Pego Alonso e Gregorio Gorriarán, exonerando a Óscar Rodríguez Estrada de toda responsabilidade civil.

Temas: BANCA CORRUBEDO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta