Caballero defende a súa decisión de seguir na universidade e estará en cada etapa "onde sexa máis adecuado" para o PSdeG

Considera que o PSdeG afronta o momento actual de forma correcta, con "todos" os seus cargos "traballando" e "un bo portavoz parlamentario"

Santiago de Compostela | 17/04/2018 | Actualizada ás 15:30 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, defendeu a súa decisión de manter o seu traballo na Universidade de Vigo e, após remarcar que compaxina o seu labor profesional "cunha axenda política intensa", dixo que en cada etapa estará "onde sexa máis adecuado" para a súa organización e para que esta poida "servir para o cambio político" en Galicia.

Gonzalo Caballero, en declaracións aos medios
Gonzalo Caballero, en declaracións aos medios | Fonte: Europa Press

Trasladouno, en declaracións aos medios após unha visita a Down Galicia, despois de afirmar, nunha entrevista coa SER, que mantería o seu traballo na universidade "polo menos este ano". Na pasada xornada, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, defendeu, ademais, que Caballero entre nun futuro como deputado na Cámara.

Preguntado respecto diso e sobre quen sairía do Grupo de materializarse este paso, Caballero optou por non profundar na cuestión e defendeu que está a traballar "onde ten que estar".

"Levo cinco meses á fronte do PSdeG, estou a percorrer as distintas comarcas e o meu traballo está a ser moi intenso, teño a axenda chea de necesidades de atención", relatou, antes de lembrar que el xa trasladou no seu día que entende a política como "un servizo de atención á cidadanía".

"Manteño o meu traballo, o meu salario e as miñas condicións laborais porque veño á política a contribuír, a dedicarlle horas de traballo e de esforzo", incidiu, antes de engadir que o PSdeG ten agora "un conxunto de cargos públicos traballando de forma adecuada" coa organización e "un bo portavoz parlamentario" que desempeña un labor "sólido e solvente".

"O PSDEG AFRONTA ESTA ETAPA DE FORMA ADECUADA"

"O PSdeG está a afrontar esta etapa de forma adecuada, con todos os cargos traballando nela", reflexionou, antes de precisar que a súa posición, como secretario xeral, é a de "tentar contribuír" da forma que ve "máis adecuada" á nova etapa do seu partido co obxectivo último de "alcanzar un cambio político" en Galicia.

Por iso, reafirmouse que traballa "onde ten que estar". "Na Universidade de Vigo, no meu traballo, e compatibilizándoo cunha axenda política intensa", resumiu.

Finalmente, concluíu que "nos próximos tempos" verase "como se producen os acontecementos". "Pero non é unha cuestión de prioridades nin de posicionamentos persoais; trátase de facer política ao servizo de Galicia. Eu estarei onde sexa o máis adecuado para a miña organización e para que esta poida servir para o cambio político en Galicia", resolveu.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta