Mato felicita a Reigosa como reitor da Universidade de Vigo e veo "de acordo co modelo de universidade"

O reitor saínte afirma que "cumpriu ao 100%" o seu programa electoral e non descarta a política no seu futuro.

Por E.P. | VIGO | 24/04/2018 | Actualizada ás 16:15

Comparte esta noticia

O reitor saínte da Universidade de Vigo (UVigo), Salustiano Mato, déulle parabéns ao catedrático elixido como o seu sucesor, Pachi Reigosa. Mato aludiu a que Reigosa baseou a súa campaña en cambiar a xestión actual,pero que a pesares diso Reigosa está "de acordo co modelo xeral da universidade" e o cambio proposto céntrase en "cuestións concretas".

O reitor saínte da Universidade de Vigo, Salustiano Mato. Abril 2018.
O reitor saínte da Universidade de Vigo, Salustiano Mato. Abril 2018. | Fonte: Europa Press

Nunha rolda de prensa este martes, Mato remarcou que "xa non hai unha confrontación de modelos no sentido global", porque "todos --están-- de acordo co modelo" implantado, e considerou que as discusións entre os candidatos durante a campaña estiveron "máis unidas ás miradas sobre como facer determinado tipo de cousas", como a burocracia e a adicación do profesorado.

"Non se está cuestionando o modelo, senón tería ao longo destes anos unha oposición real", manifestou Mato, que neste sentido apuntou que a proposta de 'cambio' do candidato elixido enténdea como "cousas propias da campaña, como parte do discurso para conseguir confianza coa comunidade universitaria".

Así as cousas, desexou "o mellor" ao proxecto de Reigosa, porque "o mellor para el e o seu equipo será o mellor para a universidade"; e avanzou que unha vez que os resultados sexan confirmados ambos elaborarán unha axenda de traballo para levar a cabo a substitución sen "perder nin un segundo". "Non está todo feito, hai que seguir sachando", rematou.

BALANCE E FUTURO

Aínda que descartou entrar a facer un balance pormenorizado sobre a súa xestión, si que mantivo que "cumprín o 100 por cen" do programa electoral que presentou ás dúas eleccións nas que foi como candidato, e que non fixo "nada que non prometese, gustase ou non gustase". "O que prometín é o que expuxen, iso non ten discusión", selou.

En canto ao seu futuro, volveu a aludir á súa condición de reitor para evitar concretar detalles máis aló de que seguirá sendo catedrático, aínda que si que trasladou que ten "anos de experiencia en xestión pública e innovación" polo que "seguramente" traballará en cuestións neste plano, desde un punto de vista "máis profesional ou institucional".

Respecto dun posible salto á política, comentou que "hai que valorar", pero en todo caso "depende das plataformas políticas" e non del. "Non estou a facer carreira dentro de ningún partido e nunca o fixen; todos os cargos que ocupei solicitóuseme que me presentase, en ningún caso fixen un traballo individual ou propio para ser candidato de nada", aclarou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta