Temas: CATALUñA

Os escritores galegos denuncian que o 155 prexudica a lingua e cultura catalá

Piden que remate o antes posíbel a xudicialización da vida política pois esta situación, suliñan, “está a interferir na creación en lingua catalá e condicionando a liberdade de expresión”.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 25/04/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega denuncia a situación que se vive en Cataluña tras a aplicación do artigo 155. De feito, di que tras este 23 de abril, Día de Sant Jordi, “non se gozou do ambiente festivo que caracterizou sempre esta celebración”. Por iso, quere expresar a súa preocupación pola situación en que se atopa neste momento a lingua catalá e a súa literatura.

Manifestación en Lleida no día de folga xeral en Cataluña tralo referendo de independencia
Manifestación en Lleida no día de folga xeral en Cataluña tralo referendo de independencia | Fonte: Miguel Núñez.

“Definímonos, como literatura galega, polo uso da lingua propia do país, o galego, e irmandámonos con todas aquelas linguas e literaturas que aínda non dispoñen de todos os estándares de normalidade”, apunta nun comunicado. Así, lamenta que Cataluña “se vexa interferida por decisións políticas que prexudican a súa existencia, como onte prexudicou a celebración dunha data tan senlleira”.

Ademais, denuncia a estancia en prisión preventiva de representantes públicos cataláns, algúns deles, escritores e escritoras e de xornalistas ou escritores procesados polos seus escritos. Por iso desde a AELG, como xa fixeron outros intelectuais e escritores a nivel internacional, expresa a súa preocupación por esta situación, e a súa solidariedade “con todos os que se ven privados dos seus dereitos cívicos e, no traballo literario, coas persoas que ven imposibilitada a súa actividade escrita e publicística dun xeito normal”.

Unímonos así ao clamor que desde o ámbito intelectual e literario xa deu lugar a manifestos como o asinado por Daniel Pennac e Erri De Luca entre outros, en Le Monde hai un mes”, indica. Por iso, pide que remate o antes posíbel a xudicialización da vida política catalá, pois esta situación, suliña, está a interferir na creación en lingua catalá e condicionando a liberdade de expresión.

Temas: CATALUñA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta