A mendicidade de cada día e a solución que non se ve

A exposición das persoas que piden esmola na rúa é unha estampa que non escapa a ningún país, cidade ou lugar. As motivacións detrás da mendicidade son moitas, variadas, como a vida de cada unha das persoas que vemos pedindo.

Por Moncho Mariño | Santiago | 29/04/2018 | Actualizada ás 23:06

Comparte esta noticia

A imaxe é a dunha persoa que aparece polas mañás na porta dos supermercados, das igrexas, das zonas de ocio ou perto de lugares concorridos. Aí sentan, no chan ou en banquetas, con letreiros escritos ou simplemente estenden a man. Algúns son persoas que falan con dificultade o castelán ou o galego, outros e outras son o que se denominarían nacionais pero que viven na rúa.  O elo común é que piden esmola.

A mendicidade é moi común nas grades cidades
A mendicidade é moi común nas grades cidades

A mendicidade é a acción de pedir esmola e nesa acción interactúan quen dá e quen recebe. As orixes da mendicidade son diversas. Detrás pode haber problemas estruturais da sociedade onde se desenvolve a mendicidade, poden ser persoas chegadas doutros lugares que levan canda si problemas de migración, desemprego ou de refuxio fronte a un conflito. Non de poden deixar os problemas relacionados con doenzas mentais, adiccións como  o alcolismo e a drogadicción. Por outra parte, nos últimos anos sentiuse a implantación de redes organizadas coa finalidade de explotar persoas en redes de mendicidade.

O ESTIGMA

Detrás de cada persoa hai unha historia. Por iso, o mesmo que outros fenómenos sociais, non se pode xeneralizar sobre o que hai detrás da mendicidade. Pero a realidade é que entre unha boa parte da sociedade, a acción de pedir diñeiro na rúa é un acto estigmatizante para quen pide. De aí que houbese iniciativas como a de expulsar mendigos e mendigas de cidades e vilas pagándolles o billete de transporte para marcharen. Ou que se prohiba pedir na rúa sen ofrecer alternativas.

A estigmatización crea unha visión de perigo, de ser asocial e antisocial, folgazán, parásito e moitas outras denominacións. Esa “estigmatización da pobreza non deixa ver os problemas que hai detrás desas persoas” di Concha Fernández, concelleira de Políticas Sociais no Concello de Santiago, “o que temos detrás desta xente son problemas de escaseza de recursos e tamén a falta dunha rede de apoio a estas persoas”.

Unha persoa pide na rúa
Unha persoa pide na rúa | Fonte: mendicidade elmanana.com

“Estas persoas con problemas sociais e económicos deberían poder acceder a unha prestación social que lles permita deixar de pedir na rúa” di Fernández. Por outra parte, tamén sería necesaria a creación dun sistema de apoio no tocante á saúde “pois hai casos de persoas con problemas de saúde, por exemplo de saúde mental ou de dependencias”. A creación dunha rede de apoio nestes aspectos axudaría a aliviar nalgúns aspectos os problemas que arrastran as persoas que piden na rúa.

QUEN PIDE E POR QUE

Normalmente as situacións de extrema pobreza viñan parellas á exclusión como consecuencia da pertenza a un determinado grupo social (romanís, “quinquis”), á perda de traballo e a falta de oportunidades para ter un novo posto, cousa que tamén trae a perda da iniciativa para a busca de emprego. Outros colectivos son os ligados a algún tipo de migración.

“No caso de Santiago, hai persoas que desenvolven a súa actividade arredor do Camiño” expresa Concha Fernández. No caso compostelán, certamente o número de persoas pedindo é notorio arredor da catedral. Nalgunha ocasión puido observarse como mesmo competían polo lugar onde pedir.

Insistir tamén nos problemas derivados da pobreza extrema e drogodependencias, incluída a do alcol. Pero tamén nas últimas décadas o perfil da mendicidade ten cambiado abondo “hai unha poboación mendicante que ten as súas raíces na migración que se está dando a nivel global” di Concha Fernández. A migración tamén vén cuns códigos establecidos entre quen pide. Pepa Vázquez, da ONG Boa Vida de Pontevedra asegura que “os senegaleses e os marroquinos non piden na rúa, normalmente son comunidades que se axudan entre eles”.

Se existe un colectivo identificado coa mendicidade é o dos migrantes romaneses e, de entre eles, os romaneses de etnia romaní ou xitana. “Son os máis complexos de identificar, porque aínda que un número importante son xitanos, non todos son individuos desa etnia”, serían por tanto romaneses que están pedindo “para pagar as débedas da viaxe, por exemplo, hai uns cartos que pagaron para vir a Galicia e teñen que devolvelos” di Pepa Vázquez.

Existe un perfil, pero é heteroxéneo por que depende dos lugares. Nas cidades é máis frecuente que nas vilas. Onde hai máis movemento económico é posible ver máis mendicidade ao chegaren máis persoas ante o reclamo da posibilidade de oportunidades. As cidades máis grandes atraen un universo máis amplo de persoas mendicantes. Isto tradúcese en que haberá desde desempregados nacionais e estranxeiros que caeron nese lugar na procura dunha vida mellor. Por outra banda, están as persoas que veñen definidas por unhas características lingüísticas, mesmo étnicas que os distinguirán facilmente do resto.

AS REDES MAFIOSAS

As fontes policiais consultadas por Galicia Confidencial para esta reportaxe, aseguraron que polo momento non se rexistraron mafias organizadas que traian persoas a mendigar a Galicia. Desde a unidade contra os delictos violentos da Coruña confirman este punto. “Non hai a día de hoxe un entramado que poidamos chamar mafia que estea detrás de persoas que mendigan” di un dos membros desta unidade da Policía Nacional.

A día de hoxe a intervención contra o delicto de organización criminal para explotación ou extorsión de persoas para a medicidade, corresponde en moitos casos á Policía Nacional e ás autonómicas no caso de ter as transferencias.

O caso máis coñecido parecido a unha rede de extorsión foi denunciado en 2015. Un grupo de persoas de diversa procedencia, estiveran captando persoas na saída de centros sociais ou comedores. Ofrecíanlles traballar a cambio de aloxamento e se podía ser, daríanlles cartos. Unha vez dentro, as persoas captadas, moitas delas estranxeiras, sobre todo portugueses, eran explotados facendo tarefas dentro de vivendas e mesmo algúns fixeran traballos de construción.  Tamén se deu o caso de que integrantes da rede mentiron dicindo que eran parentes das persoas captadas. Así acudían aos servizos sociais para solicitar a Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) e ao final, quedaren con ela o grupo extorsionador.

A SOLUCIÓN?

Hai quen di que dar esmola é colaborar coa extensión da mendicidade. Hai quen vé a necesidade de implementar as medidas sociais xa establecidas e hai quen considera que a mendicidade é un fenómeno que estará por sempre entre nós.

Sexa como fose, a creación de políticas capaces de evitar ou sacar da rúa ás persoas que o desexen, sería unha das respostas máis eficaces. Pero a primeira sería a creación de políticas municipais para aloxar xente de tránsito “porque hai persoas que só están de paso” din desde Servizos Sociais. O caso é que tamén se está falando da renda mínima social, unha posibilade que se está estudando desde gobernos e instancias internacionais. O caso finlandés está aí, con resultados positivos en moitos casos. Pero a solución que máis apuntan tanto expertos, traballadores e traballadoras sociais, economistas e outros axentes sociais é un reparto máis xusto da riqueza. Máis xustiza social.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo

Se un lle pon un pouco de perspectiva e abre o cadro, pode ver a furgoneta do xefe rumano que vaí vixiando a quenes ya van vellas ou non son moi agraciadas para seren explotadas como prostitutas. A ese no lle peta ningún policía na xanela, por moi mal aparcado que esté.

1 Gamela

Máis xustiza social e menos proxectos megalómanos que convirten á cidadanía en APOROFÓBICA é algo que coñecemos ben en Vigo onde algúns levan máis dun ano enteiro acampados diante dun Concello xordo e mudo con maioría "sociolista" e que conta -desgraciadamente- coa maioría electoral para seguir IGNORANDO OS PROBLEMAS! https://youtu.be/iAZqjBaFou4