Nova polémica en Xinzo por unha poda masiva de árbores en plena primavera

Unha plataforma veciñal pide a paralización inmediata da poda dos plataneiros da avenida de Celanova e solicita un Plan Director de Conservación e Fomento das Arbores redactado por expertos e xestionado por un Consello Municipal de Medioambiente.

Por Galicia Confidencial | Xinzo de Limia | 30/04/2018 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

A Plataforma Amigas e Amigos das Árbores da Limia acaba de solicitar ao alcalde de Xinzo a paralización da poda das árbores polo avanzado estado da estación e os danos irreversibles que poden provocar nas mesmas.

árbores centenarias da Avenida de Celanova, en Xinzo, motivo da nova polémica
árbores centenarias da Avenida de Celanova, en Xinzo, motivo da nova polémica | Fonte: @maltratopaisaxe

Ademais, esixen unha reunión con expertos en arboricultura para poder acordar a mellor xestión dos espazos verdes, e mesmo ofrecen ao concello o seu asesoramento.  “A poda ten que ser diferente segundo a especie e as súas circunstancias e incluso inexistente, o segundo treito dos plataneiros da estrada de Celanova non a necesita”, apuntan aludindo ás árbores case centenarias que se atopan nesa avenida.

Ademais, critica que o concello non coida nin mantén as súas árbores. “As regas son necesarias, principalmente cando a árbore está recen plantada, e en Xinzo non regan nin repoñen as plantas que se deterioran”, critica. De feito, pide un Plan Director de Conservación e Fomento das Arbores redactado por expertos e xestionado por un Consello Municipal de Medioambiente. 

A polémica saltou logo de que se iniciaran labores de poda no arborado da vila, “empregando de xeito indiscriminado a desmoucha, una técnica que xa hai anos que se sabe que prexudica as árbores”. Estes traballos están a facelos, por encarga do grupo de goberno municipal, os operarios da Deputación de Ourense agora, en plena primavera, cando as árbores están agromando,  o que, di esta entidade, pode danar a planta ou incluso matala.

Estas novas críticas teñen lugar logo de que o pasado ano conseguiran evitar que a Xunta cortara os plataneiros da Avenida de Celanova. “Non nos consta que as árbores estean ocasionando ningún problema que mereza solución tan drástica, salvo que queiran traballar menos na limpeza das follas en outono”, sinala.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta