Venezuela intervén Banesco e arresta 11 executivos da entidade propietaria de Abanca

Juan Carlos Escotet, propietario do maior banco privado venezolano, considera desproporcionado o ocorrido e deixa temporalmente a presidencia da entidade galega. A Xunta expresa a súa preocupación, desexa sorte ao magnate e agarda que esta situación "non afecte o seu negocio bancario en Galicia". A sombra da nacionalización planea sobre Banesco desde hai tempo. Os venezolanos en Galicia temen a nacionalización e fuxida de capitais.

Por Europa Press / Redacción | Madrid/Santiago de Compostela | 04/05/2018 | Actualizada ás 13:36

Comparte esta noticia

Banesco, o maior banco privado de Venezuela, foi intervido polas autoridades da República Bolivariana por un período de 90 días após a detención de once executivos da entidade ante a presunta contribución desta ás distorsións do sistema económico venezolano, segundo indicou o Goberno de Nicolás Maduro, que designou unha xunta administradora dirixida pola viceministra de Finanzas, Yomana Koteich. A intervención preocupa moito en Galicia, xa que o Grupo Banesco é o propietario de Abanca, que queda sen presidente temporalmente tras anunciar Juan Carlos Escotet que deixa as súas funcións aquí para arranxar a crise en Banesco.

Juan Carlos Escotet, vicepresidente de Abanca
Juan Carlos Escotet, vicepresidente de Abanca

"Esta medida de intervención manterá a actividade da entidade financeira e lévase a cabo precisamente para garantir que a institución conserve a súa actividade bancaria e continúe brindando os seus servizos aos usuarios do sistema con absoluta normalidade", explicou o Executivo venezolano nun comunicado.

O vicepresidente sectorial para a área Económica, Wilmar Castro Soteldo, sinalou que esta medida de protección terá unha aplicación por un prazo de 90 días, "durante os cales se espera reconducir a administración do banco saneándoo e desposuíndoo de toda aquela actividade ilícita ou favorecedora da comisión de ilícitos financeiros".

A este respecto, Soteldo precisou que a xunta administradora garantirá en todo momento os dereitos dos usuarios, dos accionistas, así como a transparencia das operacións que se realicen a través de Banesco.

Con anterioridade, o fiscal xeral de Venezuela, Tarek William Saab, ordenou deter a once directivos de Banesco pola súa presunta implicación nun mercado cambiario paralelo para atentar contra a moeda venezolana, incluíndo o presidente executivo da entidade, Óscar Doval, así como aos vicepresidentes Jesús Irausquin, Carlos Lorenzo, Pedro Pernía e Belinda Omaña, ademais do consultor xurídico, Marco Ortega.

Así mesmo, tamén foron detidos no marco da cuarta fase da 'Operación Mans de Papel', coa que as autoridades venezolanas buscan desmontar un sistema financeiro paralelo á marxe da legalidade, a directora de Banesco Liz Sánchez, os xerentes David Romeu e Cosme Betancourt, ademais dos oficiais de cumprimento Teresa De Prisco e Carmen Lorenzo.

En rolda de prensa, William asegurou que "despois das dilixencias de investigación determinouse que o 90% das contas asociadas a tales actividades desestabilizadoras contra a área socioeconómica pertencen á devandita entidade bancaria", sinalando que "se presume que a alta xerencia de Banesco está incursa en diversas irregularidades que atentan contra a moeda venezolana".

RETORNO DE ESCOTET

Por mor desta crise, o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, comunicaba este xoves a súa decisión de abandonar temporalmente as súas funcións como presidente non executivo da entidade para ocuparse da crise de Banesco, entidade da súa propiedade, expresando a súa vontade de voar ao país suramericano para "atender e apoiar os equipos" das súas empresas en Venezuela "ante a gravidade dos feitos".

En cumprimento dos estatutos de Abanca, será o presidente da comisión de nomeamentos, o conselleiro independente Eraña Guerra, quen ostenta as facultades da presidencia do Consello de Administración desde o xoves e mintas dure a ausencia de Escotet.

Escotet sinalou que Banesco Banco Universal "sempre traballou axustado a dereito, cumprindo con cada un dos seus extremos legais e sendo escrupulosamente respectuosos de todo o marco legal".

Neste sentido, o banqueiro subliñou que a entidade foi "especialmente cooperativa" en toda a información solicitada, especialmente no referente ás 900 contas sobre as que foi requirida información.

Deste xeito, Escotet expresou a súa "tranquilidade de espírito" ao ser consciente de que "efectivamente se fixeron as cousas da maneira adecuada", cualificando de "inxusto e duro" o arresto de once executivos de Banesco e engadindo que se recorrerá a "todas as instancias" para aclarar o problema e que sexan postos en liberdade.

"Imos seguir reforzando todos os controis que sexan necesarios para impedir que ocorra algún tipo de ilícito", sinalou o banqueiro. "Cremos que a forma en que se tratou isto é desproporcionada", engadiu.

PREOCUPACIÓN NA XUNTA

Mentres, a Xunta recoñece a gravidade dos feitos e non oculta certa preocupación, polo que poida afectar a Abanca. O vicepresidente Alfonso Rueda desexou "toda a sorte do mundo" a Juan Carlos Escotet á vez que desexou que isto "non afecte o seu negocio bancario en Galicia". Así o manifestou nunha entrevista na Radio Galega, na que se referiu á decisión do presidente de Abanca de deixar temporalmente o seu cargo para viaxar a Venezuela.

Para Alfonso Rueda "se Escotet decidiu que tiña que ir deixando os seus cargos en Abanca" é porque viu "a necesidade" e porque "a situación é grave", apostilou. Así, eloxiou que vaia "dar a cara" e "tentar arranxar os asuntos nun país no que nada debe ser fácil de arranxar". "Todos temos unha imaxe bastante clara do que pode estar a pasar, pero Escotet mellor que ninguén, porque é de alí e mantén unha importante actividade bancaria alí", abundou.

"Deséxolle toda a sorte do mundo e que non afecte o seu negocio bancario en Galicia, un negocio que ten consolidado e que está a crear riqueza aquí", sostivo, para desexar "que iso se manteña con independencia dos problemas que poida ter en Venezuela", que lle desexou que "poida arranxar canto antes".

Preguntado sobre se mantén a confianza en Abanca, Rueda destacou que non dispón de "datos de que é exactamente o que acontece en Venezuela e que repercusión pode ter respecto do negocio en Galicia".

Neste sentido, manifestou que espera que "non teña influencia e que non poida prexudicar". "Agora mesmo, Abanca, fronte ao que algúns agoreiros dicían que ía desaparecer un negocio bancario en Galicia como tal e que se ían a perder as raíces, iso non foi así", comentou.

"Creo que Abanca ten un gran mérito competindo en igualdade de condicións con outras entidades bancarias en Galicia, pero cunha raíz netamente galega que non se perdeu", concluíu o vicepresidente galego.

POSIBLE NACIONALIZACIÓN DO BANCO

A sombra da nacionalización do Banesco planea sobre esta entidade desde hai tempo. Así, a finais de decembro de 2017, o dirixente chavista Diosdado Cabello expuxo esta posibilidade e acusou a Escotet de querer comprar as accións do Estado a prezo de saldo.

Daquela, Cabello asegurou que o presidente Nicolás Maduro estaba disposto a comprar a entidade. "O Goberno ten o 2,34 % das accións, e eles quérenlle comprar, con todas as trácalas (trampas) que poden, non?, ese 2,34 % ao Goberno e quérennos pagar por ese 2,34 % 387 millóns de bolívares", dixo Cabelo no seu programa semanal de televisión. "Está ben, paréceme que está ben. Ao cambio deles, dese dólar que a eles lles gusta, van dar 3.225 dólares. Está ben, verdade? É xusto, prezo xusto", dixo o vicepresidente do Partido Socialista Unido de Venezuela ( PSUV), en referencia á cotización do dólar respecto ao bolívar no mercado paralelo ao oficial.

O tamén integrante da Asemblea Nacional Constituínte afirmou que Escotet "está a dicirnos que o resto das accións de Banesco, ou sexa, o 97,66, valen 413.000 millóns de bolívares". "Ao cambio que a eles gústalles do dólar ese especulativo son 3.445.463 dólares. Barato, verdade que podemos comprarllo? Baratísimo, grazas a Escotet polos favores recibidos", proseguiu Cabelo. O político chavista engadiu, sen deixar de dirixirse a Escotet: "Ímoscho comprar ao prezo que ti querías comprar as accións do Estado. O que é igual para o pavo debe ser igual para a pava, digo eu".

"Eu comenteillo ao presidente (Maduro), e o presidente está disposto totalmente a comprar Banesco a este prezo de tres millóns catrocentos mil... Onde depositamos, Escotet?", concluíu o dirixente chavista, que acusou o tamén presidente de Abanca de montar "bancos en Panamá, en República Dominicana, en España" co diñeiro dos venezolanos.

VENEZOLANOS EN GALICIA TEMEN A NACIONALIZACIÓN

O portavoz da asociación de venezolanos en Santiago, Javier Salas, advertiu de que "o peor escenario" sería unha nacionalización "definitiva" de Banesco e a posterior huída de capitais, xa que o Goberno de Venezuela xera "falta de confianza" en "cada cousa que toca". Con todo, Salas, en declaracións a Europa Press, afirmou que "neste momento, coas noticias que hai, non está exposto" ese escenario e "Banesco ten suficientes fondos e recursos para facerlle fronte" á situación.

Na súa opinión, a intervención de Banesco responde a "unha acción de distracción", dentro do contexto político venezolano, ademais de responder á política "estatista" do Goberno de Maduro para tratar de "controlar absolutamente todo". Deste xeito, fíxose eco de varias teorías que circulan sobre este movemento, despois das ameazas que xa Hugo Chávez, primeiro, e máis tarde Diosdado Cabelo, lanzou ao grupo que preside Juan Carlos Escotet.

Escotet, que á súa vez é o accionista maioritario de Abanca, viaxou nas últimas horas a Caracas e o portavoz dos venezolanos na capital galega cre que "pode pasar calquera cousa", pero insiste sobre todo en que este, baixo o seu punto de vista, é "un paso máis dentro da política estatista do Goberno". Banesco ten 8 millóns de clientes e manexa o 40 por cento das operacións bancarias. Venezuela, pola súa banda, é un dos países de Latinoamérica con máis emigración galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Gamela

A mín gostaríame metelos no trullo aquí por cobrar 72 €/ano por comisión de mantemento de de conta! Unha banca sostida con fondos públicos (e logo regalada) non debera cobrar un can por mantemento a ninguén !

3 O que queda do BNG

Moi ben feito. Por fin un país serio que enchirona banqueiros, non coma na monarquía bananeira chamada España de Mierda, na que poden roubar o pobo con total impunidade.

2 A verdade

O amigo dos podemitas desmantelando o país e botando a xente fóra, matándoos á fame, sen medicinas, sen escolas, sen nada que comer,... e aquí os podemitas sen dar un chío. Falando do PP e dos seus votantes coma escoria, desprezando o rural, os vellos, os autónomos, os empresarios... O que queren é un Venezuela en España para vivir do aire que é o que único que saben facer. Ánimo votantes podemitas, seguide así, que ao mellor no século que ven chegades a algo.

1 Salgueiro

Que é o que pasa hoxe? É o día Internacional dos latinos mafiosos? Feijoo co presi mafioso e criminal de México, BANESCO é intervido por prácticas mafiosas dos directivos da entidade (os mesmos que os de ABANCA). Non si, neste país estamos como queremos. Mafia hai a esgalha. Empezando polo goberno e acabando cos afiliados e amigolos do PP. A onde chegamos...! Xa non nos queda nada de orgulho con esta panda de chourizos. Agora somos vistos e, en moi alto porcentaxe, somos como os sicilianos máis cutres, que son uns cantos. E os conselheiros e conselheiras aínda van coa cabeza alta. Como si a mer... na que xa nadamos, non fose con eles. Se non tenhen vergonha...