Só 11 das 53 comarcas de Galicia rexistraron aumentos de emprego e 50 perderon poboación nos últimos sete anos

Mª Carmen Guisán Seijas, catedrática da Universidade de Santiago de Compostela, aporta novos datos que sitúan o emprego como o factor principal que inflúe no aumento ou diminución da poboación a nivel comarcal.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 13/05/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Entre os anos 2011 e 2017, unicamente tres comarcas galegas aumentaron a súa poboación —A Coruña, Santiago e Pontevedra—, mentres que as outras 50 perderon habitantes, e tan só 11 rexistraron algún incremento do emprego. Así o pon de relevo un estudo realizado pola economista Mª Carmen Guisán Seijas, catedrática no Departamento de Economía Cuantitativa da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Produción industrial.
Produción industrial.

A catedrática analizou os movementos de emigración interior e exterior en Galicia e, mediante un modelo econométrico, comprobou o impacto positivo e significativo do emprego sobre o incremento de poboación, estimado con datos das 53 comarcas de Galicia. É por isto que recomenda incrementar a converxencia do desenvolvemento industrial de Galicia cara aos niveis de rexións europeas máis avanzadas.

No seu estudo, Guisán Seijas observou un descenso de poboación no período 1981-2017, moi elevado en moitas comarcas. Nesta tendencia non só influíu o envellecemento da poboación —máis maior no rural—, senón tamén as oportunidades laborais e, polo tanto, o desenvolvemento industrial das comarcas.

"Galicia é unha rexión con excelentes atractivos para unha boa calidade de vida, pero lamentablemente moitos traballadores teñen que emigrar debido á insuficiente creación de emprego. Mentres unha parte importante da mocidade con estudos superiores emigra fóra da rexión (a outras rexións españolas ou ao estranxeiro) para conseguir oportunidades de traballo cualificado e mellores condicións laborais, ocorre que Galicia recibe emigrantes procedentes de países con menor nivel de renda per cápita. Como consecuencia destes movementos o número de habitantes está estabilizado, con certa tendencia a diminuír debido tamén a un grao importante de envellecemento. Aínda cando a poboación se estabilice hai un problema importante de emigración interior a nivel comarcal, que foi o obxecto principal deste estudo", detalla a autora. 

A provincia de Pontevedra é a que gañou máis poboación desde 1981, con 59.463 persoas máis; A Coruña aumentou en 27.172 habitantes; pola contra, Lugo perdeu 71.743 e Ourense 118.495.

Traballadora inmigrante na lonxa de Vigo
Traballadora inmigrante na lonxa de Vigo | Fonte: Miguel Núñez.

POBOACIÓN POR COMARCAS

Sobre a realidade poboacional das comarcas galegas, destacan os seguintes datos por provincias aportados por Guisán Seijas:

Provincia da Coruña: Aumentou a súa poboación no período 1981-2017 cun incremento total de 27.172 persoas, pero perdeu poboación entre 2010-2017, período no que só aumentaron en habitantes as comarcas da Coruña e Santiago.No total do período 1981-2017 tamén se incrementou a poboación da comarca de Barbanza.

Provincia de Lugo: No período 1981-2017 esta provincia perdeu 71.743 habitantes, con diminucións tanto no período 1981-2005 como no 2005-2010 e 2010-2017. No conxunto do período só incrementaron poboación as comarcas de Lugo e A Mariña Central. No período 2010-2017 ningunha comarca tivo evolución positiva.

Provincia de Ourense: Esta provincia perdeu 118.495 habitantes no período 1981-2017. A maior diminución de poboación produciuse no período 1981-2005, coa perda de 90.620 habitantes. Só a comarca de Ourense tivo un incremento de poboación no período 1981-2017. Os maiores descensos de poboación nese período producíronse na Limia (cun descenso de 20.822 habitantes) e Terra de Celanova (cun descenso de 21287 habitantes).

Provincia de Pontevedra: No período 1981-2017 incrementou a súa poboación, en 59.463 persoas, destacando Vigo cun incremento de 56.170 e Pontevedra, cun incremento de 17.558. Tiveron tamén unha evolución positiva O Baixo Miño (cun incremento de 5.718), O Condado (cun incremento de 2.473), O Morrazo (cun incremento de 7.542) e O Salnés (cun incremento de 10.959. 

En conxunto, a profesora observa un "estancamento da poboación galega", cunha diminución de máis de 39.000 habitantes no período 1981-2005, un incremento de máis de 35.000 no período 2005-2010 e unha diminución de máis de 89.000 no período 2010-2017. Mentres as provincias da Coruña e Pontevedra incrementaron a súa poboación, no período 1981- 2017, as de Lugo e Ourense, así como o conxunto de Galicia, experimentaron unha forte diminución.

A correlación positiva entre o número de afiliados á seguridade social e a poboación das comarcas de Galicia é moi elevada.

Un estudo anterior, de 2011, desta autora, xa mostrara que no período 2005-2010 houbo unha evolución poboacional máis positiva nalgunhas comarcas que tiveron unha maior creación de emprego. A catedrática di que é previsible que a superación da crise económica do período 2008-2017 poida permitir de novo unha evolución positiva. 

As comarcas máis destacadas por incremento de poboación no período 2005-2010 foron A Coruña, Vigo e Santiago.

Na provincia da Coruña 7 das 18 comarcas tiveron un aumento de poboación nese período: Barbanza, A Barcala, Betanzos, A Coruña, Ordes e Santiago.

Na provincia de Lugo só 3 das 13 comarcas tiveron un aumento de poboación nese período: Lugo, Mariña Central, Mariña Oriental.

Na provincia de Ourense só 2 das 22 comarcas tiveron un aumento de poboación nese período: Allariz-Maceda e Ourense.

Na provincia de Pontevedra 7 das súas 11 comarcas tiveron incremento de poboación no período 2005-2010: Baixo Miño, Caldas, Condado, Morrazo, Pontevedra, O Salnés e Vigo

Desde 1981, Galicia experimentou "fortes movementos migratorios internos debido ao despoboamento de moitas comarcas. O incremento das emigracións exteriores de persoas nadas en Galicia (cara ao resto de España e ao estranxeiro) no período 2002-2017, viuse compensado co incremento de inmigracións de persoas estranxeiras procedentes do resto de España e do estranxeiro. Iso logrou manter a poboación de Galicia en niveis próximos a 2,7 millóns", expón Guisán Seijas

RELACIÓN EMPREGO-POBOACIÓN NAS COMARCAS

Os datos analizados pola catedrática da USC sinalan que a correlación positiva entre o número de afiliados á seguridade social e a poboación das comarcas de Galicia é moi elevada. 

Segundo o modelo econométrico aplicado pola catedrática, hai varios factores que inflúen no aumento ou diminución da poboación a nivel comarcal (destino de xubilados, prezo da vivenda, etc.), pero considera que o máis importante de todos en xeral é a creación de emprego.

No período 1964-2017, a evolución do emprego non agrario foi de 248.000 persoas na provincia da Coruña, 175.000 na de Pontevedra e só 45.000 en Lugo e 35.000 en Ourense.

"O noso modelo relaciona a poboación das comarcas co número de afiliacións á seguridade social. Estimamos unha ecuación para o ano 2011 e outra para o ano 2017, cos datos das 53 comarcas de Galicia, relacionando a Poboación co número de afiliacións á seguridade social. O efecto é positivo e altamente significativo", explica a autora do estudo.

Os resultados do seu traballo, engade, "mostran o importante impacto positivo e significativo que ten o emprego comarcal sobre a poboación comarcal".

IMPULSAR O EMPREGO NON AGRARIO

A evolución da poboación en Galicia estivo moi relacionada coa evolución do emprego non agrario e do emprego total. Así, o emprego total aumentou nas provincias occidentais e diminuíu nas provincias orientais. En conxunto, nas catro provincias o emprego non agrario aumentou, pero en Lugo e Ourense este incremento non alcanzou a compensar a diminución do emprego agrario.

No período 1964-2017, a evolución do emprego non agrario foi de 248.000 persoas na provincia da Coruña, 175.000 na de Pontevedra, só 45.000l en Lugo e só 35.000 en Ourense.

No período 1981-2017, na provincia da Coruña o emprego total incrementouse en 86.000 persoas e o emprego non agrario en 165.000, pasando de de 263.000 en 1981 a 428.000 en 2017; en Lugo o emprego total diminuíu en 41.000  persoas e o emprego non agrario aumentou en 44.000, pasando de 69.000 a 113.000; en Ourense, o emprego total diminuíu en 75.000 persoas e o emprego non agrario aumentou en 28.000, pasando de 76.000 a 103.000; finalmente, en Pontevedra o emprego total aumentou en 5.000 pesonas e o emprego non agrario en 129.000, pasando de 204.000 a 333.000.

No estudo previo do ano 2011, Guisán Seijas xa destacaba que "a industria é en xeral o sector motor do emprego, ao xerar non só emprego directo senón tamén numerosos empregos indirectos na construción e os servizos". Por iso, considera "claro que a maioría das comarcas de Galicia necesitan un plan de industrialización adaptado ás súas circunstancias ambientais e de capital humano". 

"Existen moitas medidas que poden potenciar ese dinamismo, especialmente as relacionadas co desenvolvemento industrial, o capital humano e as que potencian a creación de emprego”, engade a profesora.

Guisán Seijas expón que "o desenvolvemento industrial é suficiente, en xeral, para garantir un desenvolvemento sustentable da construción e os servizos, conducindo a un incremento da renda real por habitante e unha mellora das taxas de emprego de ambos os xéneros, xa que os sectores de servizos son os que teñen unha maior capacidade nese sentido".

En definitiva, a catedrática da USC cre que o impulso industrial e a creación de emprego poden garantir o asentamento poboacional e reverter a situación.

Guisán Seijas vén de publicar os resultados do seu estudo na Revista Galega de Economía, nun artigo titulado 'Población, empleo y migración en las comarcas de galicia: 2011-2017 y perspectivas'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta