Temas: FRASEOLOXíA

“Saltar do paraño para o lume" no canto de “saltar de la sartén y dar en las brasas”

Tamén se pode utilizar “saltar do paraño para a cinsa". O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 17/05/2018 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Para dar conta daqueles casos en que unha persoa se atopa nunha situación mala, difícil ou complicada e pasa a unha situación igual de mala ou aínda peor, en castelán utilízase, entre outras varias, a paremia “saltar de la sartén y dar en las brasas”.

Lume nunha lareira
Lume nunha lareira | Fonte: sergas.es

Na nosa lingua temos tamén distintas expresións que fornecen a mesma idea. Botémoslles un ollo:

Saltar de la sartén y dar en las brasas ‡ para caer en las brasas

{= Saír dunha situación complicada para meterse noutra que é igual de mala ou aínda peor.}

Saltar # Ir do paraño para o lume

Saltar # Ir do paraño para a cinsa

● Mesmo tamén:

Fuxir da(s) tixola(s) # da(s) tixela(s) e caer nas brasas

Ex.: Se marcha este alcalde y entra su segundo de a bordo: pues estamos bien, porque saltamos de la sartén y damos en las brasas.

Marcha este alcalde e entra o seu segundo de a bordo: pois estámosche apañados, porque saltamos do paraño para o lume porque saltamos do paraño para a cinsa porque fuximos da tixola e caemos nas brasas.

● Tamén:

Huir de un hoyo y caer en otro && Salir de un lodo y entrar en otro && Salir del charco y meterse en el lago

Saír dun souto e meterse noutro && Saír dunha chousa e meterse noutra && Tirar o pé da lama e metelo no trollo

Ex.: Marcha este alcalde e entra o seu segundo de a bordo: pois estámosche apañados, porque saímos dun souto e metémonos noutro porque saímos dunha chousa e metémonos noutra porque tiramos o pé da lama e metémolo no trollo.

● Tamén:

Huir del fuego y dar en las brasas para caer en las brasas && Salir del fuego y caer en las brasas && Huir de la llama y caer en la brasa

Fuxir da borralla e caer no lume && Fuxir do lume e caer nas brasas e caer na borralla && Fuxir da cinsa e caer nas brasas && Fuxir da lama e caer na brasa && Fuxir da chama e caer na(s) brasa(s) && Saír do lume e meterse nas brasas

● E inda tamén, mudando neste caso de póla e indo cara ó eido dos fenómenos atmosféricos e meteorolóxicos:

Escapar del trueno y dar en el relámpago && Huir del relámpago y dar en el rayo

Fuxir do vento e collelo o corisco && Fuxir da xeada e collelo a neve && Saír do trono e meterse na escarabana && Fuxir da luz e meterse no lume

Ex.: Marcha este alcalde e entra o seu segundo de a bordo: pois estámosche apañados, porque fuximos do vento e cóllenos o corisco saímos do trono e metémonos na escarabana.

● Tamén, mais só en certos contextos:

Fuxir dun perigo e dar noutro && Saír dun perigo e meterse noutro

● E inda tamén, igualmente en certos contextos:

Non saír dunha para meterse noutra

NOTAS:

1. Cómpre así mesmo ter en conta que estas expresións poden, en certos contextos, compartir espazos de uso con expresións equivalentes a ir de mal a peor, que veremos noutra ocasión.

2. Velaquí un sucinto repaso léxico a voces que, se cadra, resultan descoñecidas ou dubidosas para algúns lectores (naqueles casos en que tiramos literalmente a definición do Dicionario da Real Academia Galega [DRAG] en liña, sinalámolo):

Paraño (DRAG): Pedra da parte superior da boca do forno, en forma de viseira.

Souto (DRAG): Terreo poboado de castiñeiros. Sinóns.: castañal, castiñeira.

Chousa (DRAG): 1. Terra de labor cercada, polo xeral de pouca extensión e situada preto da casa. Sinón.: cortiña. 2. Porción de monte cercada, de non moita extensión. Sinóns.: zarra, zarro. [É de supor que a acepción correspondente á expresión reflectida máis arriba (Saír dunha chousa e meterse noutra) debería de ser a segunda.]

Trollo: 1. Mestura de auga, terra, pedras, etc. que se forma nun lugar, sobre todo ó chover. 2. Lugar onde hai, ou se forma, moita lama. Sinóns.: bulleiro, bulló, lamazal, lameiro, lamela, lamorqueira. 3. Terreo, que pode ser prado ou monte baixo, con moita auga. [Supomos que as acepcións máis acaídas para a expresión que aquí recollemos (Tirar o pé da lama e metelo no trollo) serían a segunda ou a primeira.]

Corisco (DRAG): 1. Neve miúda ou sarabia, que cae acompañada de vento forte e frío. Sinón.: calistro. 2. Vento frío do norte. Sinóns.: calistro, escarabana, xeeiro.

Escarabana (DRAG): Vento frío do norte que sopra nos meses de inverno. Sinóns.: calistro, corisco, xeeiro.

3. A voz trollo está recolleita, na fonte da que se tirou (“Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”), como atoleiro.

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Franco Grande, Xosé Luís: Diccionario galego castelán e vocabulario castelán-galego (2ª edición), 1972. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina.

- García, Constantino & González González, Manuel (dirs.): Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Colección Galicia Viva / Real Academia Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ano 2004.

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [anteriormente, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “O labor de fraseógrafo de Manuel Leiras Pulpeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 59-77. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Taboada Chivite, Xesús: “Refraneiro Galego”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez Saco, Francisco: “Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

- VV.AA.: Refráns e ditos da Ulla. Obra á que no seu día se accedeu, a través da Internet, e que actualmente xa non se atopa dispoñible.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 eusi

Perdidos por un cento, perdidos por cento e medio: From lost to the river