En Marea pide a comparecencia do ministro de Fomento no Congreso sobre as "promesas" para Lugo

Considera que ditas promesas son "fume". En Marea tamén reclamará á Xunta no Parlamento galego que informe sobre o grao de execución do polo tecnolóxico de Rozas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2018 | Actualizada ás 15:07

Comparte esta noticia

O deputado de En Marea no Congreso por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, anunciou que o seu grupo pediu a comparecencia do ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, sobre os compromisos do Goberno central para a conexión ferroviaria con Lugo. Nun acto o luns, o ministro anunciou 283 millóns para renovar a rede e reducir os tempos de viaxe entre Ourense e Lugo en 2021. Xunto a el, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou que a AVE chegue á cidade da Muralla.

Luís Villares e Miguel Anxo Fernán Lanuxe
Luís Villares e Miguel Anxo Fernán Lanuxe | Fonte: Europa Press

Para Fernán Vello, ese anuncio é "un capítulo máis nesa celebración do fume". "Visto o acontecido nesa visita que semella 'Benvido, Míster Marshall', ou sexa luces de neón e moita festa", criticou. O deputado lucense advertiu que nos orzamentos do Estado, para dita liña, "son 150.000 euros en 2018, coa previsión de 150.000 máis en 2019". "E iso non é só raquítico senón unha tomadura de pelo".

"En Marea no Congreso acaba de solicitar a comparecencia do ministro na comisión de Fomento, para que explique as iniciativas, cuantifique e se transparente un calendario de execución desas promesas", sinalou. Á súa vez, este grupo pedirá a De la Serna que "cuantifique o calendario, prazos e dotacións reais" para emendar "o estado terceiromundista en que están as estradas da provincia, de titularidade nacional".

"Lugo sofre un atraso endémico, histórico, en canto a infraestruturas e equipamentos. Lugo para o PP é un patio traseiro sen tellado e os lucenses están fartos de tanta ineficacia e incumprimento", censurou.

ROZAS

Pola súa banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, anunciou tamén este venres en Lugo, despois de participar nun encontro en Rozas co conselleiro de Industria, Francisco Conde, que o seu grupo presentará "varias iniciativas parlamentarias" para que a Xunta informe o grao de execución do "polo tecnolóxico" aeronáutico de Rozas, no Concello de Castro de Rei. Villares, que lembrou que esta cita na que participaron deputados e senadores foi promovido por En Marea, lamentou que tiña que ser "unha xornada de traballo que finalmente se converteu nunha xornada de propaganda".

Durante a presentación das "fases de dito proxecto", o portavoz de En Marea formulou preguntas a Conde e "alí o que se viu --dixo-- foi unha falta de resposta do conselleiro con respecto á fase A e á fase B", do devandito proxecto encamiñado ao desenvolvemento de drones. É por iso que En Marea presentará esas iniciativas parlamentarias coas que preguntará tamén "sobre o cumprimento dos contratos, sobre todo da empresa Indra, que non os está cumprindo".

"Iso leva a que as empresas que son subcontratas de Indra non estean a traballar", espuxo Villares, antes de advertir de que velará "para que iso se cumpra e se execute e Rozas sexa ese polo de desenvolvemento aeronáutico que prometeron". "Isto non pode converterse nunha especie de pelotazo de I+D, onde se meta diñeiro, sen postos de traballo e sen resultados concretos", alertou. Ademais, quere saber "cantas empresas galegas están a participar neste momento, cantos postos de traballo están a crearse e se isto serve para que as empresas galegas desenvolver a súa I+D".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta