Temas: FOLGA XUSTIZA

A Xunta convocará unha mesa sectorial a próxima semana para pechar o conflito na Xustiza

As centrais sindicais sinalan que, mentres estea convocado o paro, o comité de folga é o órgano de negociación

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2018 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

A Xunta proporá aos sindicatos da Xustiza celebrar unha mesa sectorial a próxima semana para pechar o conflito no sector que permanece en paro indefinido desde o pasado 7 de febreiro aínda que o comité de folga acordou o pasado martes, día 9 de maio, a súa "interrupción". Diso informaron este venres fontes da Vicepresidencia da Xunta, que explicaron que, polo momento, aínda está por determinar o lugar e a data deste encontro.

Alfonso Rueda increpado por traballadores da Xustiza este martes en Vigo.
Alfonso Rueda increpado por traballadores da Xustiza este martes en Vigo.

Este chamamento foi recibido con cautela por parte das organizacións sindicais de xustiza que coinciden en que, mentres estea convocado o paro, o comité de folga é o órgano de negociación. En concreto, neste están representados SPJ-USO, Alternativas na Xustiza-CUT, UXT, STAJ, CISF e CIG, tendo en conta que CC.OO. manifestou esta semana a súa vontade de deixar o comité.

En primeiro lugar, o presidente do comité de folga, Julio Bouza (SPJ-USO), defendeu que o órgano de negociación é o que o preside tendo en conta que "está a folga vixente". Con todo, recoñeceu que o seu sindicato "non rexeitará acudir a ningunha mesa". "No momento no que estamos válenos calquera foro para falar pero o seu é o comité de folga, constituído legalmente", sinalou.

Pola súa banda, Pablo Valeiras (Alternativas na Xustiza-CUT) asegurou que sería unha "ilegalidade" negociar neste órgano mentres estea a folga convocada e avanzou que levará o asunto aos servizos xurídicos do seu sindicato. Un aspecto no que afondou Óscar Freixedo, da CIG, que subliña que "non sería legal tratar calquera punto dos reivindicados polo comité nunha mesa sectorial". "Sería unha fraude de lei", incide.

"Nós celebramos que a Xunta nos chame pero cremos que a mesa sectorial non é o foro adecuado. Se nos convocan, iremos; pero o peche da folga ten que producirse no comité", apuntou o portavoz de STAJ, Enrique Araújo.

Pola súa banda, tal e como explicou Manuel Vale, CSIF levará a petición da Xunta a asembleas internas. Con todo, lembra que esta organización asumiu o 'non' dos traballadores á oferta actual da Xunta e continúan no comité.

Ademais, aínda que non está presente nel, CC.OO. tamén recoñeceu que lle corresponde ao "comité" pechar o conflito que, a xuízo de Constantino Novoa, "ten que terminar dunha vez". "Se é unha mesa sectorial iremos pois somos membros de pleno dereito e, se optasen por chamar ao comité, e se nos convidan a ir, estaremos nel", sinalou antes de incidir en que "a folga non pode estar suspensa sine die".

Temas: FOLGA XUSTIZA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta