Por E.P. | A CORUÑA | 16/05/2018 | Actualizada ás 21:22
Funcionarios de xustiza secundaron este mércores unha nova xornada de protestas para expresar o seu rexeitamento á última oferta presentada pola Xunta na reunión da mesa sectorial, nunha xornada convocada polos sindicatos que non negociaron o preacordo coa Administración autonómica.
As concentracións celebráronse nas cidades de Ferrol, A Coruña, Vigo e Pontevedra para expresar o "non rotundo ao preacordo", segundo expuxeron no marco desa xornada de mobilizacións. Despois de que Goberno galego decidise dar aos sindicatos de xustiza un prazo de tres días -que finaliza o venres ás 14,00 horas- para que se adscriban á súa última oferta, os sindicatos Alternativas na Xustiza-CUT, CIG e STAJ convocaron para este mércores as protestas.
Na Coruña, case un centenar de persoas concentráronse ante a antiga Audiencia Provincial como "sinal de protesta" pola convocatoria aos sindicatos na mesa sectorial e non a través dun comité de folga, cuxa vixencia volveron a defender.
FOLGA
En declaracións aos medios de comunicación, Javier Fernández, portavoz de Alternativas na Xustiza na Coruña, manifestou que a folga "nin se suspendeu nin se interrompeu". No entanto, admitiu unha baixada do seguimento que vinculou coa duración da folga e a necesidade dos traballadores de "recuperarse anímica e economicamente".
Por outra banda, considerou que a mesa sectorial non é "o foro adecuado" para a negociación. Ademais, sinalou que, coas protestas convocadas nesta xornada, queren "deixar claro" que a proposta aceptada polos sindicatos CC.OO., UXT, CSIF e SPJ-USO foi "rexeitada polos traballadores". "Para nós iso é un mandato imperativo", recalcou o portavoz de Alternativas na Xustiza-CUT para quen a Xunta "ten a obrigación de negociar co comité de folga".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.