María José Alonso: "O nivel dos investigadores aquí é moi alto se o comparamos cos recursos"

María José Alonso é catedrática de Tecnoloxía Farmacéutica na Universidade de Santiago. Leva detrás un extenso currículo no campo da investigación tanto en Galicia como noutros lugares. Este luns imparte unha conferencia co título “Sobre como os nanomedicamentos poden cambiar as nosas vidas". Unha aproximación ao campo da nanomedicina, un terreo moi pouco coñecido polo grande público.

Por Moncho Mariño | Santiago | 28/05/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Que son os nanomedicamentos?
Os nanomedicamentos son basicamente nanopartículas que teñen no seu interior os fármacos,  as moléculas activas. A nanopartícula o que fai é levar  o fármaco ao lugar de acción.  Isto permite  que esa substancia poda superar todas as barreiras biolóxicas que atopa desde a administración ata que deixa o seu efecto na diana terapéutica.

A catedrática María José Alonso
A catedrática María José Alonso | Fonte: Ateneo de Compostela

Como se elabora un nanomedicamento?
Existen moitas técnicas dentro da nanotecnoloxía. Nós usamos biomateriais e a partir deles temos nanopartículas co medicamento  pechado no seu interior. Pero son técnicas que non por ser nanotecnoloxía teñen que ser  complexas, senón que nós tentamos que a nanotecnoloxía sexa o máis simple posible. Isto pensando en que se pode ser aplicable dentro da industria farmacéutica,  poda ser escalable, poda aumentar a súa escala  dentro desa industria. A farmacéutica   quere  tecnoloxías  o máis simples posible. Non por ser nanotecnoloxía ten que ser complicado,  nós usamos técnicas baseadas en procedementos de  emulsificación ou de autoagregación.

"Tentamos que a nanotecnoloxía sexa o máis simple posible"

Como se introduce  o nanomedicamento e como se  guía cara a zona afectada?
Iso xa depende da patoloxía.  O medicamento vai ser administrado segundo esa patoloxía. O tipo de barreiras biolóxicas que enfronta o fármaco son distintas,  así se administra por vía oral ou mediante inxección. O que está claro é que  o fármaco sexa administrado por una vía ou por outra,  vai dar  con diferentes obstáculos para chegar a súa diana. Como o fai?  Basicamente a nanopartícula protexe o fármaco da súa degradación e vaino conducindo cara  as células diana, mesmo facilita a súa internalización dentro das células.

Iso é porque o material da nanoparticula  é artificial?
O material pode ser tanto natural como artificial. Nós usamos material natural comomaterial sintético. O feito de ser natural ou artificial non importa moito, importa que  sexa  biodegradable e biocompatible.

"O material do nanomedicamento importa que sexa biodegradable"

Cales son as principais doenzas que poden tratarse con esta técnica?
Basicamente non hai límites. A nanotecnoloxía vai ser desexable  para os fármacos máis complexos. Se un fármaco non vai ter problemas en  realizar o seu cometido  entón,  para que usar nanotecnoloxía? Pero hai outros medicamentos  comercializados que non funcionan moi ben,  como poden ser os tratamentos contra o  cancro.  Non hai dúbida que podemos mellorar as terapias actuais aumentando a súa eficacia e ademais serían  menos tóxicas. Neste caso é preciso usar nanotecnoloxía porque o material xenético dá  con moitas barreiras o  que impide a chegada rápida do medicamento. Aí  sería preciso un vehículo nanotransportador. No caso do cancro,  a terapia é necesaria  cando tumor é maligno.

Con outras doenzas como a SIDA ou a hepatite sería posible aplicar estas técnicas?
Aquí aplicamos vaccinas. A nanotecnoloxía permite mellorar a administración de vaccinas como vehículos arquivantes. Isto é, dirixen o antíxeno cara o sistema inmune. Así temos unha resposta máis firme.

"Non hai dúbida que poderiamos mellorar as terapias actuais e serían menos tóxicas"

Cal é o estado da investigación en nanotecnoloxía dentro de Galicia?
En Galicia hai un grande número de investigadores neste campo. Tense convertido nun terreo multidisciplinar, polo que temos investigadores e investigadoras dos campos da bioloxía,  da química ou da fisica entre outros. Podo dicir que o nivel de investigación tanto nos laboratorios como en hospitais é moi importante.

Que importancia ten para vostede impartir conferencias como a que dará no Ateneo Compostelán?
Doulle moita importancia ás conferencias porque considero que tanto os estudantes como o público xeral, comprenda o valor das investigacións que facemos. Que vexan que en España se están facendo traballos  moi importantes para a nosa sociedade. Así poderán ver que non só nos grandes países é onde se fan investigacións deste tipo,  senón que aquí tamén aínda que con recursos máis limitados. Pero  o nivel dos investigadores en España é moi alto se o comparamos cos recursos.

Nunca se lle presentou ningún tipo de problema ético no momento de aplicar este sistema de nanotecnoloxía nunha persoa?
O certo é que non,  porque falamos de medicamentos.  Podería haber prexuízos Persoais de determinada xente o de determinados colectivos.  Pero o certo é que Medicamentos tardan moito en desenvolverse,  mesmo décadas, porque os estudos e os controis dende o punto de vista regulamentario, pasan por catro puntos ata que son colocados no mercado.  Por iso digo que pasan moitos anos antes da comercialización.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta