Que queda do 68 logo de cincuenta anos?

O Consello da Cultura Galega organiza este martes un encontro co filósofo e xornalista Josep Ramoneda, para falar sobre as pegadas que podan quedar do maio do 68 logo de medio século da súa eclosión.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 28/05/2018 | Actualizada ás 19:29

Comparte esta noticia

O encontro co pensador catalán será na sede do Consello da Cultura Galega no Pazo de Raxoi ás 18:00. Nesta conferencia, titulada As Revolucións do 68,  Ramoneda percorrerá os acontecementos que en 1968 tiveron ao mundo pendente de revoltas, manifestacións e novas maneiras de ver aspectos sociais e políticos que ata daquela non se cuestionaran ou estiveran ocultos e prohibidos para a grande maioría.

Josep Ramoneda
Josep Ramoneda | Fonte: CCG

Así, desde a universidade de Berkeley en California a París, pasando por Roma ou Berlín, cincuenta anos despois seguimos a cuestionarnos se se tratou dunha revolución ou dunha revolta. Se aquilo foi o nacemento dunha contracultura ou do primeiro movemento antisistema. Os movementos do 68 posuíron un núcleo común pero articuláronse con loitas específicas en cada país. Estes movementos foron, de feito, "revolucións do 68". Entre os diferentes movementos estaban a Guerra de Vietnam, o dispendio da sociedade de consumo, a transición á democracia, o racismo ou o feminismo.

Josep Ramoneda (Cervera, 1949) é director da revista La Maleta de Portbou e da Escola Europea de Humanidades de Barcelona e colaborador habitual do diario El País, da Cadena Ser e do diario catalán Ara. Dirixe unha colección de ensaio en Galaxia Gutenberg e é presidente de Edicions 62. A sesión emitirase vía streaming no sitio web institucional e as persoas interesadas poden solicitar a inscrición para asistir ao coloquio en: http://consellodacultura.gal/evento.php?id=200719

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta