Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/06/2018 | Actualizada ás 12:40
O europarlamentario do PSOE e ex-ministro de Fomento, o galego José Blanco, considera que "unha vez que se aborden os retos inmediatos, de calidade democrática, de rexeneración, de impulsar algunhas medidas que corrixan situacións de desequilibrio e desigualdade social que se acumularon con este Goberno, logo, xa o mantivo Pedro Sánchez, haberá que dar a palabra á cidadanía".
Blanco asegurou, após a moción de censura, que "o PP non estivo á altura das esixencias despois de coñecerse a sentenza da Gürtel".
É por iso que xustifica que "a moción de censura (que presentou o PSOE) era unha obriga, non unha opción", xa que "é necesario abrir unha nova etapa en España". "Creo que a presentación da moción, a exposición do candidato socialista e futuro presidente do Goberno foi moi clara", destacou.
O que fora número dous do PSOE con José Luís Rodríguez Zapatero sinala que o obxectivo é "ir a unha nova convocatoria electoral, que permita desde a igualdade de condicións afrontar unha campaña electoral para que os cidadáns falen".
Resalta o político lucense que "foi impecable a iniciativa (a moción de censura) e a formulación". Por iso, ao seu xuízo, "quen hoxe se alíe con Rajoy e o PP non pode dar logo leccións de rexeneración, nin de transparencia", en clara alusión a Ciudadanos, que malia o seu discurso contra a corrupción nunca deixou de apoiar ao PP tanto no Congreso —onde votou non á moción de censura— como, por exemplo, na Cámara da Comunidade de Madrid, onde o PP contou co apoio da formación de Albert Rivera malia os escándalos de corrupción dos populares madrileños.
"DESAFECCIÓN"
A caída do Goberno popular obedece, na opinión de Blanco, a "unha concatenación de cousas que levou a que o executivo do PP teña unha desafección en relación coa cidadanía".
"É unha desafección que non soubo interpretar nin o presidente, nin o seu Goberno, polo que obrigaron ao PSOE a ter a iniciativa para abrir unha nova etapa", ha perseverado.
O ex-ministro participa esta tarde nunha conferencia sobre cambio climático na UNED de Lugo, apelando á necesidade dunha "maior penetración das enerxías renovables" fronte ao cambio climático.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.