Por Galicia Confidencial | Viana do Bolo | 05/06/2018 | Actualizada ás 10:20
Meses atrás, o avogado Nemesio Barxa fixo chegar un escrito a Secundino Fernández, como alcalde de Viana do Bolo, declarando a vontade de ofrecerlle en doazón a súa colección literaria persoal para que pasase a formar parte dos fondos da biblioteca municipal unha vez falecido.
O mandatario local, con gran satisfacción e honra, aceptou o ofrecemento expresando que “é un orgullo para min e coido que para a inmensa maioría de veciños e veciñas que un vianés, que só pasou os seis primeiros anos da súa vida na nosa vila, se sinta tan unido ao concello e incluso pense en esparexer as súas cinsas no encoro do Bao”.
En acto plenario ante notario que tivo lugar esta semana formalizouse o acordo entre o xurista e o alcalde de Viana do Bolo consistente finalmente no legado a título póstumo de aproximadamente uns 7.000 volumes e unha numerosa colección de revistas.
Nemesio Barxa naceu en Caldesiños o 16 de febreiro do 1935, é fillo de mestres que nesa época estaban destinados en Viana do Bolo e viviu uns seis anos no lugar até que os seus pais conseguiron praza en Ourense. Malia a súa breve estancia en Viana sempre tivo a moita honra nacer en Caldesiños e sempre deixa ben patente a súa filiación vianesa.
Licenciado en dereito pola Universidade de Salamanca e como Graduado Social na Universidade de Santiago de Compostela comezou a traballar como avogado en 1959, hoxe é o avogado en activo máis antigo de Ourense. Membro fundador do Consello da Avogacía Galega, tamén pertence á Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación. Foi co fundador da Agrupación Cultural Auriense (1968), presidente da Asociación Cultural de Vigo (1974) e presidente da Irmandade de Viños Galegos. Vinculado ao nacionalismo, foi candidato do BNG ao Congreso dos Deputados en Eleccións Xerais do 2000 en España pola circunscrición de Ourense, e ao Parlamento Europeo en 2004 entre outras. Foi escollido como candidato ao Tribunal Constitucional polo Parlamento Galego en 2008, se ben non foi finalmente elixido para o cargo polo Senado. En definitiva, un gran experto en dereito e gran loitador por Galiza, pola cultura e o idioma galego.
Dende pequeno tivo unha grande afección pola lectura e os libros, quizais influído polos seus pais, afección que lle fixo acumular máis de 7000 volumes e multitude de revistas literarias. De toda esta biblioteca persoal que atesourou ao longo do seu recorrido vital teñen interese, segundo el mesmo di, uns 5500 volumes fundamentalmente en galego, español e portugués; e unha parte mais cativa en inglés, francés e italiano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.