"Patacas á terra" ou "nabos ó caldeiro" no canto de "Pelillos a la mar"

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago | 10/06/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Cando despois de termos algún encontrón, discusión, enfado, enganchada ou tropezo con alguén, queremos que a relación torne ó estado anterior a tal enfrontamento, en moitos casos adoitamos botar man, sen ningún tipo de adaptación nin tradución, da fórmula castelá pelillos a la mar.

Cultivo de pataca
Cultivo de pataca | Fonte: campogalego.com.

Mais en galego tamén temos, inda vivas hoxe en día, fórmulas que dan conta exactamente do mesmo contido. Vexámolas:

Pelillos a la mar

Pelillos a la mar, y lo pasado olvidar

Vaya el diablo por ruin

{= Fórmulas con que se ofrece esquecer agravios ou enfrontamentos pasados e se propón unha reconciliación e a retoma dun trato amigable ou, polo menos, correcto.}

(En fin,) Patacas á terra

(En fin,) Nabos ó caldeiro

(En fin,) Patacas á terra e nabos ó caldeiro

Ex.: No soy rencoroso, así que pelillos a la mar... pero espero que no se repita.

Non son rancoroso, así que (, en fin,) patacas á terraasí que (, en fin,) nabos ó caldeiroasí que (, en fin,) patacas á terra e nabos ó caldeiro..., pero agardo que non se repita.

● Mesmo tamén:

(En fin,) Patacas á leira

(En fin,) Patacas á leira e nabos ó caldeiro

NOTAS:

1. A locución en fin é optativa, isto é, pode formar parte da paremia ou non, a gusto do consumidor (de aí que se grafe entre parénteses).

2. Resulta evidente a estreita relación, e mesmo a posibilidade de confluencia en bastantes contextos, entre estas expresións e as equivalentes á castelá aquí paz y después gloria (que se viría a corresponder, basicamente, co noso morra o conto), que abordaremos no próximo artigo.

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Veiga Díaz, Maite: “Pequena contribución á fraseoloxía galega”. Cadernos de Lingua, 14, 1996, páxs. 85-100.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Moi interesante, coma sempre.