O ex-alcalde do Grove quere agora paralizar a publicación do libro 'Fariña' en Portugal

Alfredo Bea Gondar presentou un novo escrito ante o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Collado Villalba en relación á publicación do libro de Nacho Carretero no país luso.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 07/06/2018 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

O ex-alcalde do Grove Alfredo Bea Gondar presentou un escrito ante o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Collado Villalba en relación á publicación do libro 'Fariña' en Portugal, a raíz do auto que ordenou o secuestro en España como medida cautelar.

Portada do libro Fariña, de Nacho Carretero
Portada do libro Fariña, de Nacho Carretero | Fonte: Europa Press

No escrito, pide ao xulgado que requira "en legal forma" ao autor do libro, Nacho Carretero, para que "proceda ao cumprimento" do auto de data 12 de febreiro de 2018 "revogando e deixando sen efecto a cesión dos seus dereitos de edición e distribución á editorial Desassossego para a venda do libro 'Fariña' en Portugal".

Ao tempo, pide que se poñan "os feitos relatados" en coñecemento do Ministerio Fiscal por "se os mesmos fosen constitutivos de infracción penal, ao obxecto do inicio das oportunas actuacións".

Fontes da editora do libro en España, Libros del K.O., sinalaron que a medida foi solicitada porque esta semana saíu á venda en Portugal a tradución de 'Fariña', unha vez que venderon os dereitos a unha editorial portuguesa, pero que a operación se realizou en outubro de 2017, "antes de todo este asunto xudicial".

"En Portugal non poden prohibir distribuír o libro, xa que terían que abrir un procedemento xudicial alí. Tamén buscan que nos impute un delito por desobediencia, a pesar de que o contrato se asinou en outubro de 2017", engadiron estas fontes.

Estas fontes relataron que a Audiencia Provincial de Madrid celebrou unha reunión o pasado 30 de maio para "analizar" o caso, a raíz do recurso que presentaron contra as medidas cautelares do secuestro.

"Aínda non sabemos nada. Temos a esperanza de chegar a tempo para algúns días da feira do libro, pero aínda non temos noticias da Audiencia Provincial", concluíron.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta