Por Alicia Casas | Santiago de Compostela | 08/06/2018 | Actualizada ás 14:25
A facultade de Dereito da USC vén de acoller un congreso no que se abordou a corrupción pública desde diferentes olladas e os retos para o sistema penal. Nestas xornadas participaron investigadores/as de distintas universidades españolas como Christian Jacobs, investigador de La Laguna, que aportou datos sorprendentes sobre os estudantes de Dereito e a ideoloxía da corrupción. Uns datos obtidos da súa tese doutoral que se inscribe dentro do marco da teoría do desenvolvemento moral de Kohlberg.
"Descubrimos que os alumos de 4º que se van a egresar, que se van a converter moitos deles en funcionarios públicos e, ao fin e ao cabo, están a recoñecerme que, si se presentan a un tribunal de oposición, serían quen de falar coa súa tía para que intermediase no proceso de selección", dixo durante a súa intervención. "O problema, o que concluímos é que a formación universitaria ten falta deste tipo de educación no sentido de ética pública, de conciencia, de desenvolvemento moral, de valores, de moralidade".
"Iso non é de bo recibir en alumnos de 4º de Dereito que se van converter, probablemente, en funcionarios, en representantes, en dirixentes polítcos. Claro, ese é o problema: a ideoloxía da corrupción", dixo. O investigador realizou unha mostra a alumnados de sete universidades públicas españolas, exclusivamente de Dereito debido a que "o 68% dos representantes públicos que puidemos observar nos portais de transparecia teñen a titulación en Dereito".
Os test plantexaban conflitos morais e os resultados obtidos foron "alarmantes". "O desenvolvemento moral orientado ao público é o básico", dixo. E sostivo que a universidade non está a implementar unha ética pública. "Non hai ningunha materia que teña o obxectivo de concienciar sobre a ética pública...O problema é que a formación universitaria ten falta de ética pública", apuntou. "Que non salgan alumnos de 4º de Dereito dicindo que lles parece fantástico prevaricar, que lles parece fantástico o coecho e cuestións ás que non lle dan importancia", suliñou.
Jacobs suliñou que o desenvolvemento moral non é máis que "a medición dos valores dunha persoa, canto están de interiorizados eses valores ou como guían ao suxeito na acción diaria". Así, segundo a teoría de Kohlberg, as persoas pódense categorizar en función do seu desenvolvemento moral ata en seis estadíos: "o primeiro sería o do neno, xa que fai ou non algo en función do castigo que recibirá", sinalou Jacobs. Os demáis estadíos son progresivos, sendo o máis elevado o sexto.
A IDEOLOXÍA DA CORRUPCIÓN E O SISTEMA CAPITALISTA
Despois de expor a súa tese tivo lugar un pequeno debate no que se reflexionou sobre o sistema e a ideoloxía da corrupción. Os conferenciantes parecían estar dacordo e concordaron en que tería que esixir un cumplimento da legalidade e non esixir ética ou moral. "Vivimos nun sistema competitivo, e nun mundo capitalista todos os buracos son trincheiras", indicou unha das docentes participantes.
A corrupción é un dos asuntos que sempre está de actualidade e, neste sentido, estas xornadas serviron para por en común e reflexionar sobre os traballos dos expertos. Os encargados de dirixir o congreso foron o profesor Roberto Branco Valdés, Gumersindo Guinarte e Fernando Vázquez- Portomeñe Seijas. Tratáronse temas como: a corrupción nos negocios, a corrupción pública, as reformas penais, o financiamento dos partidos políticos, a suspensión para a execución de penas...
Os últimos datos en canto a percepción da corrupción colocan a España entre os países da UE onde máis se percibe a corrupción, sendo Dinamarca, Suecia e Finlandia os que menos. Na escala global, España ocupa o posto 42 dos 180 países analizados. Un posto aínda máis alarmante se temos en conta que baixou cinco, probablemente debido á interminable lista de procesos xudiciais que afectan ás forzas políticas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.