O número de artistas presos en España fai que Lidia Senra pida á CE que se pronuncie

A eurodeputada faise eco do informe de Freemuse e pídelle á Comisión Europea que valore a preocupante falta de liberdade de expresión. En 2017 foron encarceradas 13 persoas polas súas creacións artísticas, por diante de China,12, e Irán, 9, co pretexto da loita antiterrorista.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 21/06/2018 | Actualizada ás 10:51

Comparte esta noticia

A eurodeputada galega Lídia Senra reclámalle á Comisión Europea (CE) que se pronuncie sobre o feito de que o Estado español lidera actualmente o ranking mundial de países co maior número de persoas artistas encarceradas. Senra rexistrou este xoves pola mañá en Bruxelas unha pregunta escrita dirixida ao ente comunitario.  Na mesma pregunta achega o informe anual ‘O Estado da liberdade artística. 2018’, elaborado pola organización internacional independente Freemuse, con sede en Dinamarca. Neste informe apúntase que o español é o Estado do mundo que meteu en prisión a máis artistas durante o ano pasado. Concretamente, foron 13 as persoas artistas encarceradas, por diante de lugares como China (12) e Irán (9).

Lidia Senra
Lidia Senra

O informe, silenciado polos medios de comunicación maioritarios segundo a nota de prensa, apunta que os tribunais españois aproveitan as modificacións introducidas na lexislación antiterrorista no 2015. Así considerarían como apoloxía ou enaltecemento do terrorismo cancións, textos ou fotografías que simplemente son expresións artísticas.

Lidi Senra apela a que a CE en todas as súas manifestacións públicas, sempre se compromete de palabra e por escrito a garantir que a liberdade de expresión e a liberdade de reunión. Por iso a eurodeputada cre que “é o momento de que a Comisión pase das palabras aos feitos”. Así, Senra preguntará á CE pola valoración sobre a situación no Estado español e tamén se pensa contactar coas autoridades competentes para intercambiar impresións sobre esta situación. Desta maneira, Senra espera que se tomen medidas encamiñadas a garantir de verdade a liberdade e a democracia en todos os Estados membros.

A europarlamentaria considera que casos como o do rapeiro Valtonyc, actualmente exiliado en Bélxica para evitar o cárcere logo da condea a tres anos e medio polas letras das súas cancións; ou o da Insurgencia, grupo de 12 rapeiros entre os que se inclúen galegos, condenados a máis de dous anos de cárcere tamén polas letras das súas cancións. Tamén o do rapeiro Pablo Hasel condenado xa en dúas ocasións diferentes polas súas letras, a cinco anos de prisión.

A pregunta tamén cita a moitos outros artistas que non son tan mediáticos que todo isto certifica que no Estado español a liberdade de expresión está en serio risco de ameaza. “Ademais, todo isto que levamos tempo denunciando, vese corroborado co informe emitido por Freemuse, que constata que lonxe do que se nos quere facer crer moitas veces, a liberdade de expresión non periga só en países lonxanos, senón que o Estado español, por moito que na televisión e na radios e nos periódicos de gran tirada non o recollan, lidera a lista mundial de artistas encarcerados. Isto é inadmisible e a CE debe pronunciarse xa sobre o feito de que un Estado membro da UE estea nesta situación”, defende Senra.

A eurodeputada agarda que desta vez a Comisión Europea non bote balóns fora, como adoita facer moitas veces, e asuma as súas responsabilidades e compromisos coa defensa dos dereitos e das liberdades fundamentais. A europarlamentaria galega xa apoiara hai uns meses outra pregunta rexistrada en colectivo que incluía a denuncia sobre a censura de ARCO á exposición de Santiago Sierra sobre presos políticos na España do século XXI ou o secuestro xudicial do libro Fariña, do galego Nacho Carretero.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta