Por E.P. | Santiago | 21/06/2018 | Actualizada ás 21:56
Varias localidades galegas acolleron este xoves concentracións de protesta e repulsa convocadas de maneira espontánea e a través das redes sociais despois da decisión da Audiencia de Navarra de ditar liberdade provisional para 'La Manada' baixo fianza de 6.000 euros. Clamando contra a "xustiza patriarcal" e contra a "xustiza machista", miles de persoas, sobre todo mulleres, volveron a saír ás rúas de Galicia esta xornada, nunha semana que, ademais, coincide coa que rexistrou a primeira vítima mortal por violencia de xénero na comunidade.
En Santiago, a concentración arrincou ao redor das 21,00 horas na Praza 8 de Marzo, mentres que en Pontevedra produciuse a mobilización a partir das 20,30 horas, fronte á Audiencia de Pontevedra, que se sitúa, ademais, enfronte da sede provincial do PP, polo que é un punto habitual de concentracións. Máis de 200 persoas, con representación de varios colectivos, corearon na cidade do Lérez consignas e portaron carteis con lemas como 'xustiza española machista e patriarcal', 'mulleres en rebelión contra a discriminación', 'contra a manada que a violou, contra a manada que os deixa libres'.
"ACTITUDES VIOLENTAS E REPULSIVAS"
A responsable de CIG Muller Paca Ferradás leu un manifesto no que se referiu a un "contexto político no que a xustiza española demostra a súa incapacidade" de defender ás mulleres contra a violencia machista. Esta liberdade provisional para os integrantes de La Manada, dixo, é unha "mostra máis" desta "incapacidade" e incrementa, ao seu xuízo, "o risco de que calquera violencia cometida contra as mulleres quede impune".
Ferradás referiuse á moza "que foi criticada e perseguida polos medios" e que "viu a súa historia converterse nun relato mediático no que ela era a culpable", cando o "acto de valentía que representa pór unha denuncia converteuse nunha exposición absoluta da súa intimidade". Neste escenario, subliñou que "moitas probas achegadas" demostraron "actitudes violentas e repulsivas dos membros de La Manada". Con todo, lamentou a decisión da Audiencia de Navarra e advertiu que "contra un sistema" que "mata" as mulleres e "contra unha xustiza machista", o colectivo feminista vai seguir "saíndo ás rúas". Após ela leron comunicados outras portavoces de colectivos.
PRESIDENTA DEPUTACIÓN
Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mostrou a súa "total indignación" após coñecer a decisión xudicial. A través dunha nota de prensa, o organismo provincial apunta uqe Silva, que participaba en VI Gala do Deporte Feminino Galego, en Vigo, subliñou que está "indignada, enfadada como muller, como feminista e como persona", ao non poder "entender nin compartir nin respectar" esta decisión. "A inxustiza non se pode respectar", aseverou e lamentou que "salga tan barato violar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.