Zas convértese no epicentro do audiovisual galego nesta semana

Os Premios Fouciño abren a súa 3ª edición con numerosas proxeccións de documentais e con obradoiros para todas as idades.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/06/2018 | Actualizada ás 11:53

Comparte esta noticia

A terceira edición dos Premios Fouciño, organizados polo Concello de Zas, arrancan hoxe, luns 25, cunha semana dedicada ao audiovisual. Ao igual que na anterior edición, ao longo desta semana proxectaranse no local municipal situado no edificio Pomares de Baio unha serie de documentais sobre distintas temáticas sociais. Este festival, sen ánimo de lucro, lévase desenvolvido dende o 2016 en Baio e premia aquelas producións audiovisuais curtas.

Paseo de Baio, no concello de Zas
Paseo de Baio, no concello de Zas | Fonte: Concello de Zas

No día de hoxe comezan por un dos temas máis preocupantes da actualidade: a contaminación. Fano con “Fóra”, un documental dirixido e guionizado polo escritor e xornalista Rodrigo Costa. O documental, que se estreou en febreiro de 2018, recolle a historia da oposición ás factorías de Ence e Elnosa na súa actual localización, dando voz a colectivos e persoas que tiveron un importante papel nesta loita e no que se inclúen documentos e testimonios rexistrados a partir da década dos 60.

OBRADOIROS SOBRE AUDIOVISUAL

Ademais, continúa aberto o prazo de inscrición nos dous obradoiros que se realizarán o día grande deste certame, o 30 de xuño. Un deles está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos. Neste taller, que será entre as 12:00 e as 14:00 horas, os participantes coñecerán algunhas das técnicas empregadas no audiovisual e incluso terán tempo para crear entre todos unha curta. E xa pola tarde, será o turno dos maiores de 55 anos, que poderán participar nun obradoiro no que aprenderán a manexar a cámara do teléfono móbil e a sacarlle un maior rendemento ao seu dispositivo móbil. O obradoiro será o sábado 30 de xuño ás 17:00 horas e para asistir é necesario levar un “smartphone” ou un teléfono móbil con cámara.

Para participar en calquera dos dous obradoiros é necesario inscribirse previamente no centro sociocultural de Zas ou ben chamando ao número de teléfono 981 751 398 ou enviando un correo electrónico ao enderezo premiosfoucino@gmail.com. O último día para anotarse é o venres 29 de xuño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta