O gas radon: mata ou non mata?

A alarma sobre o gas radon acabou por engulir as opinións de expertos, veciños e traballos realizados ata o momento sobre este elemento químico. As conclusións actuais é que o Radon (Rn) sería a segunda causa detrás do cancro de pulmón e aínda así, sería unha causa que se debería tomar con precaución.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 25/06/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“Hai máis probabilidades de padecer cancro de pulmón por fumar que por inhalar gas radon, e aínda así, tampouco se pode asegurar ao 100% que o tabaco sexa a causa dun caso de cancro de pulmón” di unha fonte  da Universidade de Santiago de Compostela. A tradución é moi simple, o radon é posible que poda estar detrás dalgún caso canceríxeno de pulmón. Pero non ten por que ser unha causa definitiva da enfermidade.

Mapa do radon en Galicia. As zonas vermellas son as máis afectadas
Mapa do radon en Galicia. As zonas vermellas son as máis afectadas | Fonte: USC.

Todo comezaba hai meses cando saltaban as alarmas no lugar de Cruceiro de Roo, concello de Outes. Varios casos de cancro comezaron a inquietar ás xentes do lugar. Alguén deu a voz de alarma: o radon pode estar detrás. A hipótese ía collendo forza cada vez que un medio sacaba unha información tocando o tema. Tanto foi así, que mesmo se chegou a caracterizar o lugar en Outes como a estampa do abandono en Galicia.

QUE É O RADON?

O Radóon é un gas nobre, elemento químico que non establece unión con outros elementos da Táboa Periódica. Represéntase Rn 86 e prodece da desintegración do Radio 226. Existe un isótopo (átomo do mesmo elemento pero cunha cantidade diferente de neutróns) que é o Rn 219 que logo da desintegración só ten uns segundos de vida.  Este gas, que é insípido, inodoro e incoloro fíltrase polos poros do chan logo da desintegración. Insertaríase nas partículas de pó do ambiente e de aí podería pasar aos pulmóns. Dentro dos diferentes isótopos que ten o Radon, o máis estable é o Rn 222 que pode ter unha “vida” de entre catro e cinco días ademais de ser o isótopo máis abundante na natureza.

O Radon é coñecido desde 1900. A emisión deste gas ao aire desde o propio chan varía dun lugar a outro pola composición dese chan. Así en lugares onde predomina a concentración de granito na composición do solo, existe a probabilidade de que os índices de Radon sexan máis altos que noutros lugares onde a presenza do granito sexa máis baixa ou case nula. Por que ocorre isto?  Polo dito anteriormente, a descomposición do Radio que ao mesmo tempo procede da descomposición de Uranio 238. Este é o denominado “uranio natural”, aquel que se extrae para ser enriquecido e de aí operar con el en reactores nucleares. Este Uranio 238 está presente en moitas materias e elementos da Natureza, e o granito contén este uranio en doses moi baixas.  Unha conclusión é que o ser humano leva convivindo con uranio, radio e radón desde que está no planeta, o mesmo que con todos os elementos naturais nomeados na Táboa Periódica.

Elemento químico Radon. Gas incoloro, inodoro e radioactivo, naturalmente presente na maior parte de Galicia
Elemento químico Radon. Gas incoloro, inodoro e radioactivo, naturalmente presente na maior parte de Galicia | Fonte: istock

PRESENZA DO RADON

O Consejo de Seguridad Nuclear (CSN), organismo independente de control e vixilancia dos niveis radiactivos no ambiente e supervisor da seguridade nuclear, creou un mapa de potencialidade do radon e outro mapa cos concellos onde se detectou presenza do gas en estado natural. Para empezar o mesmo CSN aclara que o Rn está presente en toda a natureza, pero debido a cuestións xeolóxicas, pode ter unha maior ou menor presenza.

Nos dous mapas pode verse como existen unhas áreas onde a presenza do gas é moito maior. Cal é a concentración que pode ser prexudicial? As concentracións máis perigosas están nas minas ou áreas de extracción de minerais ou rochas. A unidade para medir a densidade ou presenza do Radon é o Bequerelio (Bq). E tal como explica a mesma web do CSN, unha concentración superior aos 300 Bq/m3 (300 Bequerelio por metro cúbico) podería ser considerada como de necesaria actuación.

Na mesma web descríbese a porcentaxe de radon nunha zona como o Percentil 90. Así os 300 Bq/m3 equivale ao Percentil 90, o que quere dicir que o 90% dos edificios inspeccionados teñen porcentaxes inferiores ao 300 Bq/m3 e o 10% superan nalgún punto esa medida volumétrica.

O RADON EN GALICIA, NECESARIA TANTA ALARMA?

A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda que non se superen os niveis de 300 Bq/m3 no caso de que non sexa posible manter niveis máis baixos. Para iso a OMS recomenda a cada país que desenvolva a súa lexislación para evitar danos por Radon. A Unión Europea (UE) aprobou unha directiva con recomendacións básicas para seren aplicadas nos países membros e que eles mesmos creasen lexislacións para aplicar os puntos da directiva. A UE deu un prazo de tempo ata o 6 de febreiro de 2018. Polo de agora non se sabe nada sobre o que vai facer España.

Non obstante, no ano 2007 o goberno da Xunta presidido por Emilio Pérez Touriño creaba unha nova lexislación sobre habitabilidade en Galicia, con especial sensibilidade á concentración de Radon nas vivendas. En 2010 o goberno presidido por Núñez Feijóo modificou este regulamento retirando as medidas establecidas anteriormente para reducir as consecuencias á exposición do radon. Así, en vez de ter un espazo de 60 cm de separación do chan da casa do nivel inferior, a modificación deixou este espazo en 20 cm. Algúns apuntan a presións de promotores e construtores para que se modificase este regulamento.

Actualmente existen mapas sobre a incidencia ou presenza do radón en Galicia. En concreto foron  elaborados polo Laboratorio do Gas Radon. Segundo estes mapas a incidencia corresponderíase coa morfoloxía do chan de cada lugar. Así, se ben para o resto de España, Galicia sería a comunidade máis “afectada” por este gas, dentro do territorio galego hai zonas como Os Ancares cuns niveis moi baixos e zonas perto da costa que teñen niveis altos, pero non perigosos. Os Ancares son montes cunha grande parte de silíceas mentres que amplas partes da costa e do interior de Galicia son graníticas.

Son estas áreas as de maior presenza do gas. Sobre todo na costa Atlántica e interior. Unha medición superior a 300 Bq/m3, indica que unha porcentaxe menor ao 10% de construcións ou edificións concentrarían volumes sensiblemente superiores ao recomendado. Aínda así, as medicións, tal e como recomendan as autoridades, deben ser tomadas con precaución debido ás variacións que podan presentar estas proporcións volumétricas durante o decorrer do tempo. Por iso, as medicións que se colocan por debaixo dos 200 Bq/m3 e tirando a cotas máis inferiores, darían como resultado que Galicia, si, é un territorio con ampla presenza de Radon. O mesmo que ocorre no Sistema Central, que inclúe a Sierra de Madrid.

CONCLUSIÓNS

O Radon é un gas que procede da desintegración do Radio que á súa vez vén da desintegración do uranio natural, presente en rochas como o granito. Hai variantes do Radon que teñen unha vida curta (segundos minutos) e logo hai variantes que poden durar días.

Pode ser causa de cancro? Segundo estudos da OMS e doutros departamentos de saúde nacionais e internacionais, sería a segunda causa detrás do cancro de pulmón. Non obstante, isto non significa que a exposición ao radon implique por si soa a aparición da enfermidade. Cuestións como a xenética da persoa, a predisposición e o medio ambiente poden influir de maneira positiva ou negativa. Por outra parte, hai que destacar estudos realizados entre mineiros en Europa, América e Asia, que non ofreceron probas concluintes de que o radon sexa causante de cancros como o cerebral. Por tanto, se o radon mata sería por unha exposición prolongada e continua a altas doses e afectaría ao aparato respiratorio principalmente.

Onde pode concentrarse máis radon? Os mapas do CSN apuntan a chans maioritariamente de granito. Nos fogares e edificios pode concentrarse en doses altas nas áreas inferiores como sotos ou adegas. O caso é que unha boa ventilación é o primeiro que se recomenda para eliminar a presenza do gas.

As autoridades españolas aínda non aplicaron as directivas europeas sobre prevención de riscos por radon. En Galicia, a normativa do ano 2008 foi modificada no 2010 e acabou por reducir as marxes físicas de seguridade para evitar que o radon entrase ás vivendas desde o chan. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta