Un experimento galego con lampreas, clave para a rexeneración de neuronas cerebrais en lesións medulares

Científicos da Universidade de Santiago avanzan na procura dunha solución farmacolóxica nestes peixes que podería dar o salto aos humanos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/06/2018 | Actualizada ás 12:33

Comparte esta noticia

A escasa capacidade rexenerativa das neuronas cerebrais é unha das principais causas da falta de recuperación tras unha lesión medular. Unha das razóns fundamentais é que os axóns –prolongacións das neuronas que transmiten impulsos nerviosos– de neuronas cerebrais que conectan coa medula espinal non son capaces de se rexenerar despois da lesión e así volver conectar coas súas neuronas diana. Precisamente na busca de formas de promover esa rexeneración traballa o equipo dirixido por María Celina Rodicio e Antón Barreiro, do Departamento de Bioloxía Funcional da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que acaba de dar un paso máis na procura dunha solución para as 30.000 persoas que se calcula que existen hoxe en España con esta doenza. 

O grupo, que investiga en lampreas dada a súa incrible capacidade rexenerativa despois dunha lesión desas características, acaba de publicar na prestixiosa revista de Nature Cell Death & Disease un estudo no que demostran que o GABA, coñecido polo seu papel como neurotransmisor inhibidor no sistema nervioso central, promove a supervivencia e rexeneración de neuronas cerebrais nun modelo de lesión medular neses animais, informa a USC.

No traballo constatan que tratamentos con fármacos GABAérxicos como o baclofen promoven a supervivencia e rexeneración axonal de neuronas cerebrais que inervan a medula espiñal e que foran danadas coa lesión medular. “O baclofen é un fármaco que xa está aprobado para o seu uso en humanos para outras condicións e enfermidades, algo que podería facilitar o traslado á clínica dos resultados obtidos en modelos animais”, asegura Antón Barreiro. 

Grupo de investigación do Departamento de Bioloxía Funcional da USC; de esquerda a dereita Rocío Ledo, Daniel Sobrido, María Celina Rodicio, Daniel Romaus e Antón Barreiro
Grupo de investigación do Departamento de Bioloxía Funcional da USC; de esquerda a dereita Rocío Ledo, Daniel Sobrido, María Celina Rodicio, Daniel Romaus e Antón Barreiro | Fonte: USC.

O estudo foi froito dunha colaboración co grupo da doutora Jennifer Morgan, do Eugene Bell Center for Regenerative Biology and Tissue Engineering de Estados Unidos, pero o  grupo da USC xa estableceu novos contactos con outros en Canadá e Portugal. 

O artigo ‘GABA promotes survival and axonal regeneration in identifiable descending neurons after spinal cord injury in larval lampreys’, que asina como primeiro autor o doutor pola USC Daniel Romaus, súmase a traballos anteriores nos que os investigadores de Bioloxía da USC van dando novos pasos “que nos permitan trasladar os resultados en lampreas a mamíferos e así desenvolver novas terapias para o beneficio de pacientes con dano medular”, explica Barreiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta