O poder das prazas de abasto: como renovar os vellos mercados de Galicia

Un equipo da USC gañou o concurso de retos sobre Obxectivos de Desenvolvemento Sostible cun proxecto dedicado á rexeneración da Praza de Abastos de Santiago a nivel social. Galicia Confidencial falou con Diego Cidrás, un dos catro integrantes do grupo, que entre outras cousas apuntou á necesidade de non alterar "demasiado" o modo de vida da poboación porque é "a única maneira de facer que a xente se identifique cun fogar".

Por Alicia Casas | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/07/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O pasado mes de marzo un grupo da USC comezou a traballar nun prototipado para mellorar os procesos de participación dun espazo público da cidade co obxectivo de facelo realmente efectivo. Elixiron a Praza de Abastos da capital galega e, así, estableceron canles entre o embigo "gastronómico" da cidade de Santiago e a súa Universidade.

O equipo gañador do concurso de retos sobre Obxectivos de Desenvolvemento Sostible
O equipo gañador do concurso de retos sobre Obxectivos de Desenvolvemento Sostible | Fonte: USC

Xunto coas universidades de Aveiro e Nicaragua, os catro bolseiros do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC gañaron o concurso de retos sobre Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) convocado pola Conferencia Iberoamericana de ODS á que concorreron 21 universidades de quince países. O equipo da USC estaba conformado polos alumnos de doutoramento Diego Cidrás do programa Historia, Xeografía e Historia da Arte;  Álvaro Dosil do de Educación; Laura Salgado, alumna do Máster en Investigación en Educación, Diversidade Cultura e Desenvolvemento Comunitario; e Javier Noya, do mestrado en Planificación e Xestión do Desenvolvemento Territorial.

"Estase a producir unha asociación moi xeral do desenvolvemento cara o propio crecemento económico"

A coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, Silvana Longueira, destacou que este proxecto conta co valor engadido de tratarse dun proxecto social, non tecnolóxico. Neste sentido, o alumno de doutoramento Diego Cidrás sinalou que esta foi precisamente unha das eivas que atopou no concurso: "estase a producir unha asociación moi xeral do desenvolvemento cara o propio crecemento económico e de feito este concurso camiñou un pouco tamén por aí e claro, moitos pensamos que ese non debe ser o camiño". 

Doutra banda, a coordinadora do proxecto sinalou que a Praza de Abastos supón "a contorna ideal para o traballo polo que representa". Un punto de encontro perfecto polo que simboliza. E explicou que a idea do proxecto era "mellorar os usos, mellorar para aumentar a participación cidadá".

Exterior do Mercado de Abastos
Exterior do Mercado de Abastos | Fonte: Nova Compostela

RUPTURA XERACIONAL

Unha vez seleccionado o espazo, o equipo definiu a súa historia, tendencias e usuarios a través de entrevistas coa Xerencia do Mercado de Abastos, clientes/as e comerciantes. Esta diagnose da situación actual permitiu a formulación de obxectivos orientados ás necesidades detectadas, como por exemplo a ausencia de concienciación sobre o que supón a compra na praza. E como consecuencia, un proceso de "gourmetización" froito dos distintos usos que se lle están dando, segundo o equipo premiado.

"Percibimos que a nivel xeral se realizou nos últimos anos unha posible rexeneración da praza a nivel social, a nivel de usos. É dicir, aumentou a asistencia da poboación á mesma" afirmou Diego Cidrás. Ao que engadiu que, malia que non o valoraron de xeito negativo, "se cadra se está a producir unha ruptura de usos demasiado forte". Unha ruptura xeracional entre os usos máis naturais a tradicionais da praza e as novas xeracións, que tenden máis cara "eses usos que se están fomentando nun ámbito máis puramente gastronómico". 

Así, o proxecto pretende reenganchar e reconectar. Partir das conversas para mellorar, para cambiar a planificación actual e conseguir que as novas xeracións "asistan á praza un pouco como se fixo sempre", en palabras de Diego Cidrás. Unhas xeracións novas que, segundo Silvana Longueira, son sensibles e proactivas. 

Esta diagnose da situación actual levou ao equipo a identificar que hai traballo por facer en dous ámbitos distintos: a planificación e o ámbito educativo. Dunha banda, existe unha demanda por parte de amplos sectores de que se aumenten na maioría das posibilidades os horarios da praza, xa que "por exemplo, traballadores ou estudantado, moitos deles residentes na zona vella, ven imposibilitada a compra na praza polo feito de que os horarios a día de hoxe restrinxen". 

En canto ao ámbito educativo, Diego Cidrás sostén que aínda queda moito por facer. Cómpre "traballar a educación nos asuntos ecolóxicos e facer que as xeracións novas se acheguen máis ao consumo máis responsable e de proximidade". 

FIXAR POBOACIÓN

Tanto Silvana Longueira como Diego Cidrás destacaron como algo positivo o feito de que se trate dun proxecto social, dun proxecto que apunte cara o desenvolvemento tendo en conta as persoas. Non o tecnolóxico. Que o crececemento non teña sempre que ver cunha vertente económica. Que existan outras cousas que importen: fixar poboación. "Facer fogar", en palabras do estudante. 

Así, Diego Cidrás defende que hai que coidar "espazos tan fundamentais como o é a Praza de Abastos e non alteralos demasiado co paso do tempo, porque é única maneira de fixar poboación, de facer que a xente se identifique cun fogar e, en definitiva, facer que a xente queira vivir nel". 

PROXECCIÓN

A coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, Silvana Longueira, presentou a experiencia na Conferencia Iberoamericana de ODS que se celebra estes días no marco dos programas conmemorativos do oitavo centenario da Universidade de Salamanca. Alí, a coordinadora presentou o proxecto, que se atopa na fase analítica inicial e prevese que o ano que vén siga desenvolvéndose. 

Deste xeito, existen diferentes posibilidades para poder levar a cabo o desenvolvemento do proxecto pero polo de agora non existe unha vía definida. Tal e como explicou Diego Cidrás, "é unha cuestión que aínda está por negociar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Bancada

Pois o BNG de Pontevedra leva 20 anos dando bandazos, gastando cartos a esgalla e, sobre todo, invertindo en propaganda, para que a Praza de Abastos de Pontevedra sexa non máis que unha ruína social e económica. É o que acontece cando se goberna só desde a publicidade e o autobombo e desde a seguridade que a prensa retroalimentada, destaque ano tras ano as ocurrencias do concelleiro/a de quenda.

1 Gamela

Ogallá sexan quen de manter o mercado inalterado e recuperar o sentido do mercado como abastecemento de produtos frescos e de temporada e non o convirtan nun puñetero gastrobar coma fixeron co Mercado do Progreso en Vigo e agora tamén no mercado do Berbés! As prazas de abastos non son discotecas !!!