A restauración, esa profesión esquecida

O traballo de conservación do patrimonio considérase á vez unha arte e unha ciencia, mais é pouco coñecido e valorado. Hoxe vese espléndido o Pórtico da Gloria, pero como é a formación e o traballo dun restaurador? Tamén existen casos opostos coma o de San Jorge de Navarra. Hai intrusos na profesión?

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 05/07/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Se hai algún galego ao que lle guste especialmente o eido da restauración, non ten que marchar moi lonxe. Galicia conta co centro de formación máis antigo de todo o Estado. A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia naceu no ano 1991 e atópase en Pontevedra. Cada ano sae dela unha canteira de novos restauradores coa querenza de preservar o patrimonio cultural de noso. Moitos deles traballaron mesmo na Catedral de Santiago.

Estudo da Policromía da restauración do Pórtico da Gloria
Estudo da Policromía da restauración do Pórtico da Gloria | Fonte: Fundación Barrie

Carmen Lorenzo, a súa directora, é consciente de que "hai moita xente que non sabe moi ben que é isto da restauración, onde se estuda... Aínda que a escola leva aquí 27 anos, segue sendo unha gran descoñecida". Con todo, "a sociedade cada vez é máis consciente da importancia de coidar o patrimonio", di. Sentilo como algo seu, propio, alimenta esa necesidade de conservalo. E neste punto, segundo a directora, o labor educativo tamén é fundamental. 

OS ESTUDOS E O TRABALLO DUN RESTAURADOR

A restauración é unha profesión que merece o seu recoñecemento: detrás dun bo profesional, hai moito traballo. Un restaurador, igual ca un médico, un profesor ou un tendeiro, debe ter unhas calidades innatas sobre as que ir aprendendo e formándose: o coidado, a paciencia, a concentración, a atención ao detalle e a "sensibilidade especial coa cultura e o patrimonio" son vitais na personalidade de quen traballa en contacto coa historia. E o máis importante: "este mundo ten que gustar", conta Carmen.

A Escola Superior de Pontevedra, pública e dependente da Consellería de Educación, ofrece catro anos de formación equivalentes a un grao universitario. Para entrar nela, os estudantes non precisan de selectividade - aínda que si de bacharelato -, e debe pasar unha proba de acceso á que poderán presentarse no mes de setembro, pois nesta primeira convocatoria de xuño quedaron prazas bacantes. A formación é basicamente práctica. "Todo o alumnado traballa con obras reais cedidas de institucións públicas e da igrexa. A ratio profesor alumno é baixiña, e entón o ensino está moi individualizado, os profesores estamos moi preto dos alumnos vixiando como traballan sobre esas obras". 

O sorriso do apóstolo Daniel no Pórtico da Gloria
O sorriso do apóstolo Daniel no Pórtico da Gloria | Fonte: Fundación Barrié

Os dous primeiros anos son comúns, e nos dous últimos o alumnado xa se pode ir especializando e orientándose cara ao mundo laboral. A Escola conta coa especialidade de arqueoloxía, escultura e pintura. Ademais, "a restauración é unha profesión moi interdisciplinar, e os estudos tamén o son: temos aulas de restauración propiamente dita, pero tamén de iconografía, debuxo, fotografía, historia da arte...", di Carmen. Así mesmo, "hai unha política de prácticas interesante: moitos dos nosos alumnos traballaron na Catedral ou en museos como o Prado, o Reina Sofía... e mesmo en Europa e fóra. Moitos fixeron as prácticas en Sudamérica".

Xa coa formación e os coñecementos precisos, os restauradores encárganse de garantir que as obras de arte e os obxectos de interese histórico se manteñan nas mellores condicións posibles mediante a súa limpeza, reparación e mantemento. O obxectivo sempre será realizar unha intervención mínima para reducir o deterioro da obra. Pero unha das chaves do traballo do restaurador é manter un rexistro detallado de todas as manobras que realiza no proceso de conservación. "Ti cando intervés nunha obra non podes tocala sen o permiso de Patrimonio. Por iso, o primeiro paso é facer un proxecto de intervención, logo Patrimonio debe aprobalo, e unha vez que se remata o proxecto, hai que redactar outro informe detallado sobre a intervención", conta Carmen. 

CASOS OPOSTOS: O PÓRTICO DA GLORIA E O SAN JORGE DE NAVARRA

Non sempre as reparacións dos bens culturais se levan a cabo por profesionais. Na restauración hai instrusos, "un intrusismo laboral que vén incentivado pola falta de regulación da profesión. A ninguén se lle ocorre poñerse a operar se non é médico", pero hai persoas dedicadas ás manualidades que si se atreven a intervir no patrimonio histórico. É isto mesmo o que aconteceu co San Jorge de Estella, en Navarra, unha reparación que está levantando moita polémica. Mais non é o primeiro caso: calquera pode recordar o balbordo que provocou o Ecce Homo.

Segundo Carmen Lorenzo, estes casos son "un atentado contra o patrimonio. Non queremos chamarlles restauración". "É incrible que a estas alturas, coa Lei de Patrimonio vixente e os graos de protección que temos, sigan sucedendo estas cousas: que haxa xente tan inconsciente como para intervir nun Ben de Interese Cultural (BIC) coma o de Navarra", di con contundencia. Este tratamendo que recibiu a figura supuxo a súa perda irreparable, xa que lixaron a policromía. "A ningún restaurador se lle ocorrería facer tal cousa. Non podemos consentir que xente non profesional dane o noso patrimonio". Pero o certo é que estas prácticas acontecen máis a miúdo do que se pode pensar, e sen que se produzan consecuencias legais para os autores.

O caso oposto ao de San Jorge acapara estes días todas as miradas: o Pórtico da Gloria. Carmen valórao como "unha intervención moi coidada, na que se fixeron moitos estudos preliminares sobre as capas de policromía e os problemas que presentaban as pezas. Traballou un equipo interdisciplicar con profesionais de diferentes ámbitos e o resultado, sobre todo grazas á conservación das cores, é realmente chamativo". 

Se hoxe en día o traballo dos restauradores está algo máis valorado, tamén é por unha cuestión económica. "Ter o patrimonio cultural en bo estado e ben conservado é un chamamento ao turismo", di Carmen Lorenzo, que augura un futuro positivo para a restauración. "Durante a crise, o Goberno recortou moitísimo en cultura e iso repercute moito nunha profesión coma a nosa, que depende tanto do investimento público".

San Jorge de Estella e o 'Ecce homo'
San Jorge de Estella e o 'Ecce homo'
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

¿Intrusismo? El instrusismo es un delito y solo se produce para aquellos títulos que habilitan con exclusividad para el ejercicio de una profesión, caso de médicos, arquitectos y muy pocas más profesiones en las que un error puede suponer un gran quebranto económico o para la salud. Por supuesto que si yo tengo que restaurar una escultura del siglo XVIII acudiría a un restaurador titulado, pero si tengo que restaurar unas figuras de zinc de principios del siglo XX para que les den pintura, reponga la base de madera carcomida, acudo a un taller de alguien no tituladao --informándome previamente cómo trabaja-- porque el resultado va a ser el mismo y más barato. En las profesiones literarias o artísticas, caso del periodismo o la restauración, no existe el delito de intrusismo.