Daveiga, un soño feito realidade

A empresa galega Lugar da Veiga SLL, que naceu no 2005 co proxecto “Daveiga produción responsable”, alcanzou este ano o posto 503 nun ranking elaborado polo Financial Times das 1.000 empresas europeas cos mellores resultados económicos entre 2013 e 2016. Falamos con Xosé Lois Lamazares, un dos fundadores e Director Xeral da sociedade.

Por X.M. Fernández | Chantada | 07/07/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Algo está cambiando en Galicia cando vemos exemplos como o de Lugar da Veiga SLL e o seu produto estrela, as galletas mariñeiras. Os medos, a auto xenreira, pensar que o do veciño é mellor que o noso, non crer nas nosas potencialidades son emocións e sentimentos negativos que se están superando pouco a pouco na sociedade galega. Exemplos empezamos a ter, cada vez máis, grazas a emprendedores como eles que cren na materia prima, no saber facer e na capacidade de traballo que temos os galegos para chegar alí onde nos propoñamos.

Xosé Lois, cofundador e xerente.
Xosé Lois, cofundador e xerente.

Así empezaron Xosé Lois e dous dos seus irmáns coñecendo, nunha visita a Arxentina, un produto semellante ao que agora son as coñecidas “mariñeiras”, adaptación do pan de barco ou biscoito de barco. Detectaron un nicho de mercado na galleta salgada pois cando empezaron con isto este tipo de produto ocupaba só un 10 % nos liniais dos supermercados de España.

Os tres irmáns deixaron os seus traballos, estables e asalariados, para centrar as súas enerxías no proxecto de elaboración de galletas salgadas, proxecto que buscaba superar os anticuados esquemas de produción incorporando ademais valores como a produción responsable baseada no respecto ao medio ambiente e ao desenvolvemento local, a calidade e seguridade alimenticia e a economía social.

Intentaron establecer o obradoiro empresarial en Rodeiro pero ao final acabaron asentados en Chantada, no Polígono Industrial “Os acivros”. No ano 2006 saíron “as mariñeiras” ao mercado con dúas variedades, a mariñeira natural e a mariñeira de manteiga e había 5 traballadores na empresa. Actualmente hai unhas 15 variedades de galletas e dúas liñas de produto definidas, a natural e a ecolóxica, a nómina de traballadores é de 48 estables todo o ano e en épocas puntuais aumentan a contratación. Do seu obradoiro en Chantada veñen saíndo ao día unhas 18.000 bolsas que representan uns 3.500 quilos de galletas.

Un soño feito realidade, Xosé Lois?

Podemos dicir que si. Deixar un traballo asalariado e apostar por un proxecto asentado no rural, relacionado coa economía social e que cre nas potencialidades do país non era doado pero a cousa está indo ben.

Mariñeiras liña Bio.
Mariñeiras liña Bio.

Que tal está funcionando a nova imaxe das Mariñeiras?

O retorno que estamos tendo é positivo, en feiras estamos notando que chama moito a atención e esperta interese sobre todo aos que aínda non coñecen as mariñeiras. En xeral nos novos consumidores está funcionando moi ben e naqueles que xa nos coñecen pois coméntase de todo pero xa se están acostumando tamén ao ‘mariñeiro’ (risas).

En xeral estamos contentos coa decisión tomada, estamos vendo cumpridos os obxectivos que nos puxemos con este cambio de imaxe gráfica. Primeiro creouse un estado de opinión, que tamén se buscaba, e agora comeza xa a consolidación desa imaxe que nos identifica no mercado.

Na estratexia comercial estades apostando moito polas feiras, verdade?

Si, sempre as tivemos en conta. É importante estar, e máis nas temáticas que nos encaixan, sobre todo as ecolóxicas. Este ano, por exemplo, Alimentaria de Barcelona foi un éxito rotundo. Tivemos stand propio e o retorno recibido foi impresionante, a nova imaxe destacou moitísimo. No que levamos de ano estivemos noutras a nivel nacional, en Málaga, Bioterra de Irún, BioCantabria e incluso chegamos a unha en Londres.  A estratexia é manter axenda de feiras e potenciar a nosa liña Bio, máis agora que temos 4 novas referencias en produción ecolóxica: espelta, quinoa, chía e integral.

Tamén vemos que colaborades como patrocinadores de eventos. Que tal a experiencia?

Si, este ano estivemos no Festival de Cans, e en breve estaremos no Festigal, no 17º Festival Ribeira Sacra e no Festival Revenidas. Cando nos piden colaboración buscamos que encaixe a filosofía dos eventos coa nosa maneira de entender Galicia, de valorar o rural, a economía local e a produción sostible. Dándose eses mínimos ofrecemos o noso produto e axudamos nese sentido, o retorno para nós tamén vén pola visibilidade.

Estes meses de atrás foi noticia o tema da transparencia salarial en Daveiga. Está ben saber o que cobra cada quen na empresa?

Daveiga é un proxecto de economía social no que os traballadores controlan e participan nas tomas de decisión do mesmo, e se queren poden ser soci@s. De 48 traballadores estables que temos xa son socios uns 28. Así, pois, tamén resulta lóxico que se fagan públicos os soldos dos que formamos parte da sociedade e que todo se vexa con total naturalidade.

Que punto saír nun ranking empresarial do Financial Times a principios de ano?

Estivo ben. Deunos moita visibilidade. Saír no ranking estatístico que fixo este xornal colleunos por sorpresa, recoñézoo, pero ten moito mérito todo hai que dicilo. Puxéronnos no posto 503 dunha lista das 1.000 empresas cos mellores resultados económicos entre 2.013 e 2.016.

E resulta curioso, por non dicir exótico, que entre moitas empresas que teñen que ver coa tecnoloxía e as startups que están nos primeiros postos estea unha empresa de Chantada que fai galletas (risas).

Xa logo nas universidades como exemplo para emprendedores?

Pois cónstanos que nalgunha xa nos teñen mencionado e tamén que empregan o noso modelo en seminarios de marketing.

As Mariñeiras preparadas para ir ao forno.
As Mariñeiras preparadas para ir ao forno.
Cadea de elaboración no obradoiro de Lugar da Veiga SLL
Cadea de elaboración no obradoiro de Lugar da Veiga SLL
Obradoiro de Lugar da Veiga SLL en Chantada.
Obradoiro de Lugar da Veiga SLL en Chantada.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta