Ferreiro e Suárez, coñecedores da postura de Compostela Aberta de cambiar a dirección de En Marea

"Hai moitos meses que dicía que as cousas non estaban a ir ben", asegura o alcalde da Coruña.

Por E.P. | A CORUÑA | 10/07/2018 | Actualizada ás 15:26

Comparte esta noticia

O alcalde da Coruña e líder da Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, e o de Ferrol, Jorge Suárez, eran coñecedores da decisión de Compostela Aberta de renovar a dirección de En Marea, que encabeza Luís Villares.

Martiño Noriega, Xulio Ferreiro e Jorge Suárez en Santiago
Martiño Noriega, Xulio Ferreiro e Jorge Suárez en Santiago

Unha decisión que Ferreiro cualificou de "discusión benintencionada" para crear unha mesa para a confluencia. "Nestes momentos é unha discusión interna de Compostela Aberta e imos ver como resulta", asegurou Ferreiro ao ser preguntado polos xornalistas sobre o documento que presentará a formación que lidera Martiño Noriega --alcalde de Santiago-- á súa asemblea local este mércores, e ao que tivo acceso Europa Press.

A menos dun ano das eleccións municipais, e despois de que xa se deu a circunstancia de que en Ferrol hai dúas candidaturas de denominada confluencia (Ferrol en Común, que lidera o actual alcalde, Jorge Suárez; e Marea de Ferrol, que son herdeiros de Marea Ártabra), Compostela Aberta propón "relanzar" o proxecto e constituír unha mesa de confluencia.

"Hai moitos meses que dicía que as cousas non estaban a ir ben", sinalou o alcalde da Coruña, para quen, precisamente, a división en Ferrol é unha "proba" da situación pola que atravesa a formación política. "É un asunto de gravidade que haxa membros da coordinadora de En Marea que promovan unha alternativa a Ferrol en Común e ao alcalde Jorge Suárez. Creo que iso non debería pasar", afirma.

"CENTRADOS" NA CORUÑA E FERROL

Con todo, Xulio Ferreiro explicou que nestes momentos, e despois de "falar moito" de En Marea no últimos meses, atópase "centrado" na Coruña. Así, indicou que está inmerso en terminar o mandato municipal en María Pita e "sacar o máximo de compromisos"; á vez que, de cara ás próximas eleccións municipais, ten a vista posta en formular un proxecto "para o próximos catro anos" na cidade herculina.

Xulio Ferreiro
Xulio Ferreiro | Fonte: Europa Press

Tamén o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, recoñeceu este martes "ter coñecemento da proposta de Compostela Aberta". O rexedor ferrolán remitiuse ás súas palabras destes últimos días, nas cales insistiu en que Ferrol en Común "é algo máis que unha agrupación de partidos, onde hai moitas persoas inscritas a título individual".

"Somos un grupo municipal formado por cinco homes e mulleres que traballamos pola cidade de Ferrol", afirmou e agregou que aínda ve a cita electoral de 2019 como "afastada", aínda que dá a benvida a todas as persoas "que queiran apoiar a este grupo de goberno". "Temos que centrarnos no día a día porque será o mellor aval para as eleccións", apostou o rexedor, ademais de todos os apoios e o proxecto político que poida presentar Ferrol en Común.

En Ferrol hai dúas candidaturas de suposta confluencia: Ferrol en Común, que lidera o actual alcalde; e Marea de Ferrol, que son herdeiros de Marea Ártabra e que contou con varios apoios dentro do Consello das Mareas de afíns á dirección que ostenta a maioría neste momento.

Precisamente, esta situación xa dividiu aos referentes de En Marea. Así, voces como Yolanda Díaz ou Xosé Manuel Beiras saíron en defensa de Jorge Suárez, mentres que afíns a Villares apoian a Esther Leira, que foi expulsada do goberno local e que é unha das fundadoras de Marea de Ferrol.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

2 Ferriño

Pois que se centre na Coruña que é o que ten que facer, igual que os demáis alcaldes no canto de andar en batallas para cargarse a Villares para facerlle sitio ao "sucesor" para o ano 2020 ...Martiño? Operación Martiño precedida da precuela Conpistola Aberta

1 Pin do Podemín

Seica os tocados polo dedo divino de PIT queren impoñerlles o pin do Podemín ás mareíñas. Van dados