Os hospitais de Vigo, Compostela e A Coruña, entre os máis eficientes en produción científica en España

Os complexos hospitalarios de Vigo (CHUVI), Santiago (CHUS) e A Coruña (CHUAC) están entre os nove máis eficientes en produción científica.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/07/2018 | Actualizada ás 19:17

Comparte esta noticia

Os Complexos Hospitalarios Universitarios de Vigo (CHUVI), Santiago de Compostela (CHUS) e A Coruña (CHUAC) atópanse na lista de hospitais máis eficientes en produción científica en España, segundo un estudo publicado na Revista Mediterránea de Comunicación, que edita a Universidade de Alacant. 

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo | Fonte: Miguel Núñez.

Canda os complexos hospitalarios galegos están o Complejo Hospitalario Materno – Insular, Donostia Ospitalera, Hospital General de Ciudad Real, Hospital General Universitario Gregorio Marañón, Hospital Mutua de Terrassa e Hospital Nuestra Señora de Candelaria.

"Entre os hospitais que resultan ser eficientes, non están os de maior tamaño e maior produción científica, senón que atopamos centros máis modestos que realizan unha actividade de publicación eficiente en relación ao seu tamaño", destacan os autores do estudo.

Os de maior tamaño e maior actividade investigadora sitúanse nun segundo grupo, segundo os investigadores, "debido ao nivel de esixencia ao que se someten por ter un maior tamaño e dispoñer por tanto de maiores recursos".

Os investigadores salientan a "importancia de avaliar a actividade de transferencia de coñecemento levada a cabo polos centros públicos de investigación, entre os que se atopan os hospitais". Nesta liña, cren necesario "considerar as publicacións científicas producidas polo persoal de investigación que traballa en hospitais públicos" para "obter unha aproximación da eficiencia en transferencia destas institucións".

Para estes autores, a eficiencia da produción científica dos hospitais pode funcionar como indicador de calidade avaliable para a acreditación de institutos de investigación sanitaria. 

O estudo, titulado 'La eficiencia de los hospitales españoles en producción científica como indicador de transferencia de conocimiento', está asinado por investigadores da Universidad Rey Juan Carlos, en Madrid.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta