Un barrio de Santiago en guerra contra Ferrovial por querer cambiar o modelo asociativo local

O presidente de Conxo Abertro, Javier Sánchez, asegura que a empresa que xestiona o Centro cívico, Ferrovial Servizos, "non cumpre" coas súas obrigas de dinamización cultural: "suspendeu actividades xa programadas e trasladou parte do persoal a outros centros".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela a | 17/07/2018 | Actualizada ás 22:25

Comparte esta noticia

A Asociación Veciñal Conxo Aberto critica a xestión que a empresa Ferrovial está facendo do Centro Sociocultural Aurelio Aguirre. Esta empresa leva xestionando dende hai cinco meses todos os centros cívicos da cidade de Santiago. Adxudicóuselle este labor nun concurso que organizou o Concello e do que resultou gañadora. Así pois, converteuse na empresa adxudicataria por dous anos e con posibilidade de prórroga outros dous. 

Centro Sociocultural de Conxo
Centro Sociocultural de Conxo | Fonte: Santiagoturismo

Se ben a empresa di que aposta por un "novo modelo de servizo de dinamización e mediación sociocultural vinculado á economía social e sostible co obxectivo de fomentar a convivencia dos veciños a través de ocio", segundo Conxo Aberto de Conxo, non conseguiu o seu obxectivo. O presidente da asociación, Javir Sánchez, asegura que a empresa "non cumpre" co que prometeu: "decidiu suspender, sen consultalo, algunhas actividades que o centro tiña programadas e nas que incluso xa había xente anotada e estaban a piques de comezar. Impuxo a súa programación e isto xerou bastante malestar".

Lonxe de solucionar o problema, nestes últimos días o conflito vese incrementado pola "decisión unilateral da empresa de trasladar unha parte do persoal que traballa neste centro cara a outros", di o presidente. Por todo isto, a asociación reclama unha maior comunicación por parte da empresa cara a veciñanza de Conxo, un barrio que ten unha tradición moi forte de colaboración e de implicación veciñal nas actividades culturais. "En ningún momento se puxeron en contacto cos veciños ou co coordinador do centro cultural. Ferrovial non está respondendo e a solución pasa por aumentar as presións sobre ela", asegura Javier Sánchez.

NA BUSCA DE PUNTOS DE ENCONTRO

A asociación entende, pois, que sendo a empresa quen está prestando un servizo público, debe adaptarse ás necesidades do pobo de Conxo. "Esiximos a Ferrovial que deixe como estaba o centro sociocultural: que devolva a persoa que moveu e manteña as actividades que foran programadas", afirma o presidente. Unha vez isto estea conseguido, a asociación asegura que loitará por conseguir un escenario propicio para desenvolver contactos coa empresa de cara a explicar como se funciona no barrio e como queren que as cousas se fagan. "Intentaremos chegar a puntos de encontro"

En relación á actuación do Concello, Javier Sánchez asegura que "a súa resposta foi boa e positiva dende o inicio: intermediou sempre e púxose do noso lado". Polo tanto, quen "non respondeu" foi a empresa, que ten como misión - di - a de "desmantelar o Centro Sociocultural de Conxo e a súa capacidade para organizar actividades que demanda a veciñanza". A orixe deste problema é o "interese por un modelo de negocio que pretende eliminar a capacidade dos barrios e defender as empresas externas para asegurar o seu propio futuro comercial", afirma o presidente.

Mentres se atopa solución, os veciños e veciñas de Conxo xa deixan sentir o seu malestar a través das redes sociais. En Twitter mesmo crearon o hashtag #Conxononsetoca para denunciar a xestión desta empresa adxudicataria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta