Temas: GALEGO HOLANDA

A cidade holandesa de Leeuwarden, embaixadora do galego

Co obxectivo de amosar a diversidade lingüística europea, o Pavillón das linguas da cidade frisa acollerá unha serie de actividades que terán como eixo o galego.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/07/2018 | Actualizada ás 10:35

Comparte esta noticia

Amosar a diversidade lingüística europea e a existencia de nacións que teñen máis dun idioma é o cometido do proxecto Pavillón das linguas. Así, a cidade holandesa de Leeuwarden, Capital da Cultura Europea de 2018, acollerá a semana do galego cun amplo programa de actividades que terá como eixo a literatura. 

Cidade de Leeuwarden (Países Baixos)
Cidade de Leeuwarden (Países Baixos) | Fonte: M.M.Minderhoud.

Recitais poético- musicais, concertos, conferencias e obradoiros da man de María Lado. Ademais diso, aproveitarase a estadía para intercambiarmos experiencias de éxito e estabelecer contacto con outras organizacións que traballan na promoción e defensa de linguas minorizadas ou minoritarias. Un amplo programa que terá lugar no Pavillón das linguas, que estará aberto ata outubro e, semanalmente, unha lingua minorizada diferente de Europa é a protagonista.

Deste xeito, grazas a Afûk (a institución que promove a lingua e cultura frisia), á Mesa pola Normalización Lingüística e á Fundación Vía Galego coa colaboración da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago de Compostela e do Concello de Pontevedra desde o 22 ao 29 de xullo o galego será o protagonista do Pavillón das Linguas.

O PROGRAMA

O domingo, o 22 de xullo, comezará a semana do galego cun encontro cultural co maltés (o protagonista da semana anterior). O luns, 23 de xullo María Lado ofrecerá un recital de poesía co que dará a coñecer á poboación frisia algunhas escritoras e algúns escritores da nosa literatura. O mércores 24 de xullo, as persoas que se acheguen ao Pavillón das Linguas poderán escoitar unha conferencia sobre a historia da nosa literatura.

O 25 de xullo, Día da Patria, haberá unha festa onde a protagonista será a música galega. Ese mesmo día terá lugar O Café das linguas, unha actividade semanal na que María Lado ofrecerá un concerto baseado na música tradicional. Pero estas son só algunhas das actividades programadas, xa que haberá moitas outras. A semana do galego rematará o domingo 29 de xullo e dará o relevo ao córnico. 

Temas: GALEGO HOLANDA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta