Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 20/07/2018 | Actualizada ás 22:00
Van 82 anos daquel día en que un golpe de Estado contra o goberno da Segunda República sumiu o país nunha guerra de tres anos que "non foi guerra, foi xenocidio", di o sociólogo e ensaísta Manolo Monge. Un "xenocidio" que deu paso a outros 36 anos de represión franquista nos que o ditador, Francisco Franco, se encargou de que se enxalzara a súa figura en todos recunchos do Estado. Bandeiras, escudos, monumentos, lemas, insignias... todo un aparato propagandístico que inzaba o territorio. Dende moi cedo, buscaban un verdadeiro culto á personalidade do ditador.
España converteuse neses anos no segundo país con máis desaparecidos do mundo, logo de Camboya. En Galicia o bando vencedor asasinou a máis de 5000 persoas. Moitas delas seguen hoxe sen un enterro digno. E mentres, a familia Franco desfruta de diversas propiedades materiais, entre elas, o Pazo de Meirás, a mansión Casa Cornide da cidade vella da Coruña, a vivenda natal e un panteón en Ferrol, as dúas pezas do Pórtico da Gloria... A Lei de Memoria Histórica aprobada no 2007 queda "curta". Así o entenden o historiador Bernardo Máiz e o sociólogo Manolo Monge. Que falta nela?
A SIMBOLOXÍA: AMBIGÜIDADES QUE XERAN CONTROVERSIA
A Lei de Memoria Histórica establece que "os escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva do levantamento militar, da Guerra Civil e da represión franquista da ditadura" deben ser retiradas dos espazos públicos. Mais "non será de aplicación cando concurran razóns artísticas, arquitectónicas ou artístico-relixiosas". Entón, como debe procederse fronte a placas de inauguración de edificios ou fronte a nomes de alcaldes franquistas nas rúas?
Hai opinións para todo. Segundo Bernardo Máiz, "só é simboloxía franquista aquilo que é laudatorio do duro réxime ditatorial, tamén os seus ritos parafascistas e consignas grandilocuentes: 'España, Una, Grande y Libre' ou 'Arriba España!'. Iso haino que eliminar de vez. O demais hai que explicalo, por didáctica, por coñecemento do pasado histórico". E recorda que en Galicia quedan espalladas "unha ducia de Cruces dos Caídos coma a de Vigo, que o alcalde Caballero non quere eliminar. Hai solucións interesantes coma no caso de Neda, onde lles suxerín transfromala nun Monumento á Concordia".
Pola contra, Manolo Monge entende tamén simboloxía "aquilo que estea en relación con persoas que participaron directamente no levantamento fascista do 36 ou que xogaron un papel importante nos gobernos". Só na cidade da Coruña, segundo Monge, quedan aínda 37 símbolos franquistas por desterrar. "Na entrada do cárcere hai unha placa que recorda a dous fascistas: Calvo Sotelo e Mario Muslera Planes. Tamén hai 13 retratos dedicados a alcaldes franquistas, igual ca nomes de centros de ensino. E unha vidrieira co escudo franquista recibe a entrada principal da Coruña". En concreto, Calvo Sotelo ten oito referencias -entre elas, fillo adoptivo e fillo predilecto da cidade-, sendo "o precursor do levantamento militar", recorda Monge, que tamén fai fincapé na decisión xa tomada en Pontevedra de retirarlle esas honras.
Algunha simboloxía chega a ser ben polémica. É o caso das distincións honoríficas a Manuel Fraga Iribarne, que ocupou cargos de relevancia tanto na ditadura coma na democracia, cando se fixo presidente da Xunta. "Hai oito anos ordenouse a retirada de distincións a oito ministros de Franco, pero curiosamente salvouse desa decisión a Fraga", recorda Monge. Segundo el, debe retirarse polo feito de ser concedida o 24 de decembro de 1968, en plena ditadura.
MANTEMENTO DA LEI DE AMNISTÍA DE 1977
"A lei de Memoria Histórica foi un paso importante pero aínda está pendente de execución", asegura Monge. "O PP paraliza a lei e a súa aplicación", di Máiz. E ademais, hai aspectos que deixa sen contemplar. Un deles é a Lei de Amnistía, unha norma que impide que todos aqueles crimes contra a humanidade cometidos polo franquismo sexan xulgados. No pobo de Ferrol, por exemplo, "hai un número de persoas asasinadas que arrepía: 1.003", comenta Máiz, que vén de participar no levantamento dun Memorial coa lista das vítimas do franquismo dos 22 concellos do norte da provincia da Coruña.
A Comisión dos Dereitos Humanos da ONU recomendou a eliminación desta Lei de Amnistía. E a coñecida como 'Querela Arxentina' pide, aínda hoxe, que os crimes poidan ser xulgados. Con todo, "tanto o PSOE coma o PP non fixeron caso desta demanda e néganse a que se aplique esa xurisdición universal pola cal de pode xulgar un crime cometido contra a humanidade en calquera país", di Monge. Pola súa banda, Máiz aclara que mesmo "no seu artigo 2ª tamén amnistía aos represores, que con cinismo, presentan demandas en defensa do seu honor".
CUNETAS E EIRAS FEITAS CEMITERIO
"O das fosas en Galicia é unha cuestión mediática e mimética máis ca outra cousa, pois sendo unha realidade tráxica - noutros territorios españois si hai moitos demócratas en gabias -, aquí matábanos principalmente perto ou dentro dos cemiterios, coma os de Canido ou Serantes en Ferrol". Así di Bernardo Máiz. O proxecto Nomes e voces ten feita unha "xeografía da represión", é dicir, uns mapas onde están localizados todos os lugares de enterramento e lugares de morte dos vencidos na guerra. Monge recorda que en Galicia se cavaron arredor de oitenta fosas comúns, "moitas das cales aínda están sen levantar".
A este respecto, a Lei de Memoria Histórica "deixa nas mans da iniciativa privada das asociación o levantamento dos cadáveres e o enterro digno a máis de 100.000 persoas", comenta Monge. E fronte a esta norma, entende que "é o Estado o que debe encargarse de devolverlle a dignidade ás vítimas".
O PAZO DE MEIRÁS E A FUNDACIÓN FRANCO
"O PP négase sistematicamente a cumprir a lei, e por iso ocorren cousas como o mantemendo dunha Fundación que exalta a figura de Franco e que debería estar totalmente ilegalizada, tema que tampouco contempla a lei", asegura Monte. "Nin en Italia, nin en Alemaña, nin en Portugal hai ningunha institución semellante, sería anticonstitucional". Así o entende Máiz, que asegura que nega a verdade histórica: "en 1936 parte ampla do exército español e da dereita ultramontana e fascistoide subleváronse contra a legalidade republicana para comezar unha matanza de demócratas".
O que procede no tocante ao Pazo de Meirás é, segundo palabras de Máiz, unha "sinxela expropiación". Así pois, non lles correspondería á Familia Franco indemnización ningunha porque fai un "uso ilexítimo del". "Debía tamén estar recollido por lei que todas as propiedades que foron roubadas por Franco e familia foran devoltas: ademais do Pazo de Meirás, a Casa Cornide da Coruña, as estatuas de Isaac e Abraham do Pórtico da Gloria...", complementa Monge. Galicia é o país onde os Franco teñen máis propiedades, aínda sen ningunha solución aplicada.
UNHA LEI GALEGA PROPIA?
A estas alturas, algunhas comunidades autónomas como Valencia, Andalucía, Aragón ou Navarra crearon as súas propias Leis de Memoria Histórica, "moito máis avanzadas da que existe a nivel estatal", di Monge. En Galicia, segundo o sociólogo, cumpriría unha norma así, que recollera as particularidades deste territorio, "que obrigara os concellos a retirar simboloxía franquista e facer un catálogo dos que existen, e que establecera que aqueles concellos que non cumpran a lei sexan sancionados sen subvencións nin axudas públicas".
Ademais desta posible solución, Máiz tamén considera necesario que "a dereita española asuma o seu propio pasado e acepte a verdade histórica". A inclusión de todo isto no currículum escolar, xa que "son coñecementos básicos da nosa historia", tamén o ve preciso Monge, que afirma que "segundo o PP, con estes temas a debate ábrense feridas, pero o que conseguimos é totalmente o contrario: pechalas". "Non pode haber futuro para un país que non coñece os erros do pasado, e por iso, fai falta unha lei da verdade", sostén.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.