Os ingresos e os gastos máis baixos de España nas sete cidades galegas

Contas descarta problemas financeiros nestes municipios, pero advirte da caída de aforros en Lugo e Santiago, e do remanente no primeiro

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2018 | Actualizada ás 15:26

Comparte esta noticia

As sete cidades galegas rexistran un ingreso por habitante que representa o 88,71% da media española, mentres que o gasto por habitante representa o 87,57%. A situación, segundo advirte o Consello de Contas no seu informe de fiscalización da conta xeral das entidades locais de Galcia, "empeora con respecto a exercicios anteriores". O peso orzamentario dos concellos deste tramo, segundo destaca, é "escaso", e as diferenzas cos seus homólogos do resto do Estado mantéñense.

Muralla de Lugo
Muralla de Lugo

Así, as cifras de ingreso por habitante que presentan son das máis baixas do Estado e superan só as dos concellos da Rioja,Estremadura e Andalucía. Aumenta o seu peso relativo con respecto ao exercicio anterior, no que o índice era do 86,46% da media estatal. En materia de gastos, Contas recolle que a situación é similar, cunhas cifras por habitante "afastadas da media, aínda que superiores ás que se presentan nas comunidades autónomas da Rioxa, Estremadura e Andalucía". Neste caso empeora respecto ao exercicio anterior, no que o gasto por habitante representaba o 88,76% da media dos concellos de tamaño similar.

VIABILIDADE FINANCEIRA

Para as sete cidades galegas, o informe do Consello establece que presentan aforro neto e remanentes de tesouraría axustados positivos, tanto no exercicio 2016 como no exercicio anterior, polo que non mostran "ningún problema financeiro". Destaca, unicamente, a evolución negativa que teñen os aforros netos de Lugo e Santiago, e do remanente axustado de Lugo, que de seguir así, advirte o organismo fiscalizador, "poden complicar" a súa situación financeira.

OUTROS CONCELLOS E DEPUTACIÓNS

Mentres, a situación dos 15 concellos do grupo de concellos de 20.001 a 50.000 habitantes resúmese do mesmo xeito que no caso do sete cidades: aforro neto e remanente de tesouraría axustado positivos, polo que carecen de problemas financeiros, coa excepción de Ponteareas, que presenta un remanente de tesouraría axustado negativo, aínda que un 63% inferior ao do ano anterior. Pola súa banda, o Concello de Cangas rexistra un remanente de tesouraría axustado positivo, cando no exercicio anterior o mesmo era negativo. O único resaltable para Contas é "a desfavorable evolución" do aforro neto da Estrada, Ames, Cangas, Carballo, Culleredo, Oleiros, Ponteareas e Redondela, que tamén "poden complicar" a súa situación financeira se continúan así. En concellos de 10.001 a 20.000 habitantes, os 33 que renderon contas presentan aforro neto positivo, aínda que en 14 deles a evolución interanual é negativa.

Sobresaen de maneira positiva O Carballiño e Vilanova de Arousa; mentres teñen remanente de tesouraría axustado negativo Viveiro, Vilanova de Arousa, Bueu e Cambados, polo que deben proceder con ese aforro ao pago das obrigacións pendentes de pago, para non entrar en situación que comprometa a súa viabilidade. Así mesmo, pasan dunha situación de remanente de tesouraría axustado negativo á beira positivo Moaña, Mos, Xinzo de Limia, Sanxenxo, Teo e Rianxo.

Renderon contas 54 concellos de 5.001 a 10.000 habitantes, dos que 42 teñen aforro neto e remanente de tesouraría axustado positivos, seis alcanzan aforro neto positivo pero remanente de tesouraría axustado negativo e tres (Salvaterra de Miño, Ortigueira e Miño) presentan aforro neto negativo, aínda que remanentes de tesouraría axustados positivos xerados en exercicios anteriores que lles permite facer fronte ás súas obrigacións.

Outros tres concellos (Negreira, Padrón e Muros) presentan tanto un aforro neto negativo como un remanente de tesouraría axustado negativo, polo que requiren medidas. De forma positiva destaca a evolución dos concellos de Santa Comba e Valdoviño, que pasan dunha situación de aforro neto e remanente de tesouraría axustados negativos a unha situación de viabilidade financeira. Para os municipios de menos de 5.000 habitantes (200 renden contas), 167 contan con aforro neto e remanente de tesouraría axustado positivos e 21 alcanzan aforro neto positivo aínda que remanente de tesouraría axustado negativo.

Pola súa banda, oito concellos (Carnota, Nogueira de Ramuín, O Incio, Val do Dubra, Santiso, Vilarmaior, As Somozas e O Pino) presentan aforro neto negativo, aínda que remanentes de tesouraría axustados positivos xerados en exercicios anteriores que lles permite facer fronte ás súas obrigacións. Catro (Cospeito, Castrelo de Miño, Catoira e A Mezquita) presentan tanto un aforro neto negativo como un remanente de tesouraría axustado negativo, mentres Contas chama a atención de forma "positiva" sobre a evolución de Meis, Muxía e Os Blancos, que pasan dunha situación de aforro neto e remanente de tesouraría axustados negativos a unha situación de viabilidade financeira. Por último, no ámbito das deputacións, as catro, de acordo co informe de Contas, presentan aforro neto e remanentes de tesouraría axustados positivos, tanto no exercicio 2016 como no exercicio anterior, e evolucións anuais positivas, salvo no caso do aforro neto e remanentes da Deputación de Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta