Temas: MINA TOURO O PINO

Doce movementos sociais asinan un comunicado en Touro contra a minería a ceo aberto

Este domingo celébrase o Día Mundial Contra a Minería a Ceo Aberto. Esta data é aproveitada pola Plataforma Veciñal Mina O Pino-Touro Non, para seguir denunciando o proxecto de reapertura en Touro, así como a denuncia doutros proxectos noutras cinco comunidades autónomas. Denuncian que desde a Unión Europea estase a animar a proliferación deste tipo de explotacións que son especulativas e contaminantes.

Por Galicia Confidencial | O Pino-Touro | 22/07/2018 | Actualizada ás 11:24

Comparte esta noticia

Os diferentes movementos sociais que se están coordinando en todo o Estado denuncian os 2.000 expedientes mineiros que se queren abrir ou reabrir amparándose na lei de minas de 1973. O desexo destas plataformas e asociacións é alertar sobre a proliferación de empresas extractivas que está sendo promovida pola Unión Europea dentro da política de autosuficiencia mineira para os países que forman parte da UE. As diferentes plataformas denuncian que este tipo de extracción a ceo aberto é froito dunha política especulativa que deixa detrás terreos contaminados que afectan sobre todo ao medio rural.

Terreos da mina de Touro. EUROPA PRESS - Archivo
Terreos da mina de Touro. EUROPA PRESS - Archivo

No comunicado enviado desde a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non, denuncian “Somos moitos os que levamos tempo loitando contra a especulación dunhas multinacionais mineiras, que decidiron, amparadas pola Lei de Minas de 1973, recuperar antigas explotacións abandonadas ou iniciar novos mega-proxectos. Auténticos lobos con pel de cordeiro, en moitos casos amparados baixo o paraugas dunhas administracións que non velan polo interese dos seus cidadáns”.

As diferentes plataformas que asinan o comunicado proceden de Galicia, Castela e León, Extremadura, Asturais e Murcia. Piden un cambio na Lei de Minas “contra o escurantismo co que se moven” os diferentes proxectos e contra a antigüidade desta lei “que expropia o terreo do propietario” e acusan ás diferentes iniciativas de contar mentiras “que tentan facer crer á poboación”.

Os diferentes proxectos que denuncian desde a Plataforma implicarían segundo din, non cumprir coas expectativas de minería limpa e non contaminante que aseguran as empresas que están detrás. “Difícil de crer cando non contan coa licenza urbanística correspondente en Salamanca, e xa cortaron 40 hectáreas de aciñeiras centenarias. En Cáceres pretenden "tragarse" literalmente a montaña que rodea a cidade, e que está a tan só 2 km do casco antigo da mesma. E na zona de Valencia de Alcántara os proxectos arrasarían varios pobos, contaminando os acuíferos e impedindo as actividades económicas actuais: agricultura e gandería”.

Outra das actividades denunciadas pola Plataforma contra a mina de Touro é a “súa pobre defensa ambiental, que os vertedoiros de residuos estériles de minería, xeradores de drenaxe áceda e as balsas de lodos tóxicos a menos de 200 metros de zonas habitadas, e cunha gran actividade económica como en Galicia?” Tamén denuncian “unha planta de concentrados de uranio e un depósito de residuos radioactivos, que afectaría a Portugal por aire e auga contaminando o Río Douro” .

No caso da mina de Touro-O Pino, o Camiño de Santiago veríase afectado así como vilas declaradas patrimonio histórico artístico. Denuncian tamén que a creación de postos de traballo “é unha falacia” que só se concretaría en escasos empregos e de tipoloxía temporal. Por outra banda sinalan que “a minería a ceo aberto é a máis barata de extracción e  contaminar aire e auga, esnaquizar paisaxes, despoboar zonas rurais”.

As diferentes plataformas que participan no comunicado este 22 de xullo, Día Mundial Contra a Minería a Ceo Aberto, son: Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino Non, Plataforma Vida e Ría ou minaría de Lousame, as plataformas da Rede ContraMINAcción de Galicia, a Coordinadora No a la Mina de Uranio de Salamanca, Plataforma No en mi Tierra de Zamora, a Plataforma No a la Mina en la Sierra de Yemas, No a la Mina en el Valle del Corneja, Plataforma No a la Mina en la Sierra de Ávila, a Plataforma Salvemos la Montaña de Cáceres, a Plataforma de La Raya Sin Minas de Valencia de Alcántara, Plataforma Tamuja de Plasenzuela tamén de Cáceres, Plataforma Oro No de Tapia de Casariego en Asturias, e a Plataforma de Afectados por Metales Pesados de El Llano del Beal en Cartagena.

Temas: MINA TOURO O PINO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta