O PPdeG "non pode estar máis satisfeito" coa "presenza galega" na executiva de Casado

Tellado cre que é o momento de afrontar a sucesión de Pedro Sánchez porque que "as mellores páxinas" do Partido Popular "están por escribir".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2018 | Actualizada ás 13:41

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, celebrou a "presenza galega" que acompañará nos órganos de dirección do partido ao novo líder dos populares, Pablo Casado, cuxa elección como substituto de Mariano Rajoy abre, para Tellado, outra carreira pola "sucesión": a do presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado | Fonte: Europa Press

Así se expresou o popular nunha comparecencia de prensa celebrada este venres na que indicou que o PPdeG "non pode estar máis satisfeito" coa súa presenza na nova executiva nacional dun partido no que "Galicia é historia, presente e futuro".

Tellado cualificou o "equipo" que acompañará a Casado á fronte do partido como "renovado, contrastado e ponderado", xa que aposta polo "substitución xeracional que demandaba a militancia" e porque "integra equipos e sensibilidades" do partido.

Deste xeito, valorou a inclusión de varias persoas do PPdeG na nova dirección do partido, na que figuran a santiaguesa Marta González como vicesecretaria de Comunicación, Diego Calvo na Secretaría Territorial e Ana Vázquez Blanco á fronte de Emigración; aos que se suman o vicepresidente galego, Alfonso Rueda, como membro electo do Comité Executivo e Alberto Núñez Feijóo, Ana Pastor e Diego Gago como membros natos.

"Son áreas nas que Galicia ten moito que dicir como referente autonómico do partido e como territorio moi vinculado ás migracións, antes como emigrante e agora como acolledor de retornados", asegurou Miguel Tellado, que cre que "as mellores páxinas" do Partido Popular "están por escribir".

"SUCESIÓN" DE PEDRO SÁNCHEZ

Nesta liña, o secretario xeral dos populares incidiu en que, "pechado" o proceso de sucesión de Mariano Rajoy á fronte do partido culminado cun congreso "moi importante"; é o momento de afrontar outra "sucesión": a de Pedro Sánchez como presidente do Goberno.

A continuación, remarcou que o Partido Popular está "hoxe máis forte en Galicia e en España", polo que Tellado afirmou que a "oposición" ten "motivos para estar preocupada" porque "o PP volveu para quedar e para gañar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta