A Política cabalgará de novo. Contrarréplica ao doutor Álvaro Rodríguez Núñez

Ainda non me dou recuperado da crítica do meu amigo Álvaro Rodríguez ao meu “O futuro xa non é o que era. Carta dende España no 2050” (GC, 18-VII-2018) pero como “a discusión é a respiración do intelecto”, tentarei de argallar unha resposta.

Por A.C. Pereira-Menaut | Santiago de Compostela | 28/07/2018

Comparte esta noticia
 
Por partes. Comezas tí coa Política e o político, e con razón, pois o meu artigo orixinouse buscando nas causas fondas da crise política e constitucional de España e da UE. Eu partía do político, pero furando e furando, concluín que as raíces eran antropolóxicas, morais, culturais e, últimamente, tecno-económicas. E aquí discrepamos tí e máis eu, pois o meu concepto de política afástase claramente do teu: para mín é a difícil relación liberdade-poder, goberno-oposición, acordo-disidencia; ou ben, a Política consiste nos homes libres discutindo os asuntos públicos na praza da vila. Eu suxeriría, se non é inelegante, o meu modesto “Doce Teses sobre a Política”. Non podo decir que sexa bó, pero que é curtiño e sinxelo, si.
Organizas a túa crítica en cinco importantes teses. Primeira: que a situación descrita como de 2050 xa é o que hai hoxe. Tes razón en parte, pois, como dixo alguén, “o futuro é o presente, só que a xente non se decata”. Discrepo, aínda así, nun punto: semella que tí non valoras abondo a potencia da estructura tecno-económica para alterar as nosas vidas, mesmo no persoal, mesmo no físico, no psíquico, no íntimo. Os cyborgs e os robots humanoides con capacidade de reprogramarse e aprender, de percibir cheiros e estados de ánimo (polo modo de camiñar) non van ser unha brincadeira; a futura intelixencia artificial vai distinta e incontrolable para a meirande parte da xente. Os fundamentos do constitucionalismo —dignidade, liberdade, igualdade, etc.— saltan polo ar. Se tes tempo, bota un ollo a Y. Harari (“Homo Deus”) e outros como él, e logo falamos con outro café diante. Polo mesmo, o actual afastamento do home respecto da realidade física, que tí admites, é unha miudeza fronte do que vai vir (eis outro factor negativo para o “government by the people”). Concordo coas túas agudas verbas sobre a libertade: “Os españois crénse libres facendo o que lles indican que é ser libres. P. ex., o paro, non o ven como falta de liberdade. Considérano un azar…”. Nova mostra do tremendo cambio antropolóxico producido nese “land alemán que tolea por falar inglés”, que é España. Pero nós, que estamos aquí para “rerum cognoscere causas” (como dí a LSE), temos que indagar o por qué até o fondo-fondo.
 
Respecto da túa 2ª tese (o futuro as relixións), unha puntualización: falas de “Liberalismo”, e non poucos o fan no mesmo senso, especialmente nos USA, pero, pregunto eu, qué ten este réxime de liberal? Eu véxoo cada día máis autoritario (autoritarismo “soft”, tocquevilleano, pero fondo e sen excluir a represión policial), cunhas poucas pero moi mediáticas liberdades en sexo, consumo, viaxes e así (xa previstas polo Huxley, por certo). Mesmo algúns aspectos encaixarían nun totalitarismo, como o control universal. Ou non é certo que hoxendía, antes de insultar á policía, ou de manifestarte, o pensas máis que, poñamos, en 1970?
 
Opinas que ese liberalismo acabará con todas as relixións, sen excluir, á larga o Islam, en favor dunha especie de gnose-New Age ou similar. E eu, que teño o defecto de ser católico e ir a funerais, dende o s. XVIII veño escoitando anunciar o enterro do Cristianismo, mas non paro de asistir a enterros de ideas e institucións antes consideradas inmorredoiras; a última, o Imperio Soviético, hoxe, a supremacía americana, mañá desfondaráse a China, e así (tí mesmo, no final, fas un elenco). En cambio, a miña Igrexa non a damos afundido nin os católicos. Pero (confesándome iñorante neso) tampouco vexo o tema do Islam como tí. Primeiro, na España hai máis latinoamericanización que islamización. Segundo, se o liberalismo espera poder manexar ao seu gosto unha hipotética Europea islamizada, vai ben errado, porque aínda que a maioría dos musulmáns son xente tranquila que traballa como todos, non penso que lle resulten intelectualmente tan submisos a eses uniformadores mentais “liberais” dos que tí falas. 
 
Respecto da UE (tese 3ª), a miña discrepancia está máis ben en que tí ves a súa penosa situación actual como fatal, mesmo prevista nun guión, namentras que eu creo ver tamén moito azar e moita incompetencia. Dende os tempos de Maastricht, Bruxelas ten errado moito, cando non era fatal nin inevitable. Puido antepoñer a constitucionalización á ampliación ao Leste, e non o fixo; o Tratado Constitucional fracasado no 2005 estaba previsto noutros termos, e cambiouse; a UE puido defender a Europa diante da globalización; puido seguir outra liña coa Ucraina… Así que houbo decisións libres, non predeterminadas, que foron erróneas poidendo ser boas ou menos malas.
 
Da recente andaina histórica de España, que sintetizas asisada pero duramente, hai tanto que discutir que xa falaremos nun segundo café (decididamente, hai que reinventar os cafés-parladoiros decimonónicos). Certo que non é propiamente soberana, tal vez dende 1808 (lembremos que a xente “pija” e ilustrada era afrancesada). De ser esta interpretación correcta, sería España mesma, as elites españolas (hoxe: grandes bancos, IBEX 35, o “Palco do Bernabeu”, o Madrid que cabe dentro da M30…), as que levarían tempo, aos poucos, disolvendo a España ata reconvertila nese ansiado land xermano anglofalante. Exemplo insigne: ahí tes Castela, indiscutible corazón hispánico, “ayer dominadora” (Machado), hoxe irrelevante, pronto desertizada; e non por Bruxelas, nin Cataluña, senón básicamente por políticas españolas.
 
Por último, a 5ª das túas teses: “A política dominante é o paraíso liberal”. Contrasta có meu final relativamente feliz para 2084. Tí mesmo admites que ese todopoderoso liberalismo ten tamén a súa data de caducidade; e non podería ser doutro xeito. Non teimarei neso, por tanto. Os gregos, incendiados estes días, non podendo confiar no estado, e cós hospitais desfornecidos, teñen que acudirse uns aos outros. Redescubren ao próximo, ao veciño, á familia. E eso —ter que se axudar mutuamente— foi o que modelou o nacemento dos USA.
Bueno, amigo Álvaro, ata a próxima discusión. Como sempre, queda moito por falar, pero nunha réplica da réplica, non podo alongarme máis nin abusar da hospitalidade editorial de GC.
 

Fachada do Congreso dos Deputados
Fachada do Congreso dos Deputados
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antonio Carlos Pereira-Menaut É Catedrático de Dereito Constitucional na USC. Tamén é director da Cátedra Jean Monnet de Dereito Constitucional europeo.Ocupouse de Teoría Política, Teoría Constitucional, Constitucionalismo Comparado (sobre todo, inglés), e Federalismo, Autonomía e organización territorial. É un gran coñecedor do proceso de constitucionalización da Unión Europea.