O consumo de cánnabis entre adolescentes galegos sitúase en "niveis preocupantes"

Máis de 10.000 adolescentes en Galicia entre 12 e 18 anos terían consumido cánnabis por primeira vez, coincidindo coa súa primeira borracheira. "Nun de cada catro casos non se trata dun consumo ocasional ou anecdótico", advirte un estudo científico. Os niveis de consumo de risco entre a mocidade galega superan os estatais.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 06/08/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

"A alarma social existente respecto ao consumo de cánnabis entre os adolescentes non resulta infundada, na medida en que o consumo desta substancia (e en particular o consumo de risco) se sitúa en niveis preocupantes". Esta é a conclusión dun estudo feito con estudantes galegos de entre 12 e 18 anos, asinado por investigadores das universidades de Santiago de Compostela e Vigo, e do European Monitoring Centre for Drugs and Drug Addiction.

Fumando cannabis
Fumando cannabis | Fonte: Chmee2 en Wikipedia.

A investigación tamén constatou que os adolescentes que “dan o salto” ao consumo de cánnabis teñen "maior probabilidade de desenvolver un patrón de risco, caracterizado por un repertorio de consumo máis prexudicial e unha maior probabilidade de implicarse en numerosas prácticas de risco no uso de Internet". 

Máis de mil menores entre 12 e 13 anos terían consumido cánnabis, "cifra nada despreciable", segundo os investigadores.

O certo é que "o consumo de cánnabis mantense en niveis preocupantes", sosteñen os autores deste traballo. Así, en Galicia "máis de 10.000 adolescentes entre 12 e 18 terían consumido este tipo de substancia psicoactiva, "por primeira vez a unha idade realmente moi temperá (14,8 anos), coincidindo coa primeira borracheira".

No caso dos adolescentes de 12-13 anos —os máis novos—, a pesar de que a porcentaxe de consumidores de cánnabis é de “tan só” o 2,6%, "estariamos a falar de máis de mil cativos, cifra nada despreciable, sobre todo se se teñen en conta as consecuencias que o consumo de cánnabis a idades tan precoces pode carrexar tanto a nivel físico, como cognitivo, emocional e  conductual", alertan os investigadores.

A análise dos resultados en función do sexo e do grupo de idade pon de manifesto, segundo os autores, que "convén comezar a prestar especial atención ao colectivo das mulleres, debido a que nalgunhas substancias (por exemplo, o tabaco) as cifras de prevalencia xa son superiores entre as mozas".

Por outro lado, consideran "necesario iniciar os esforzos a nivel preventivo a idades máis temperás, xa que se están rexistrando niveis preocupantes de consumo entre adolescentes de tan só 12 ou 13 anos".

"Que os niveis de consumo de risco sexan superiores aos estatais, mentres que os niveis globais son inferiores, podería estarnos a alertar dun empeoramento do patrón de consumo".

No que respecta ao consumo de risco, os resultados do estudo revelan que, "a nivel global, un 3,8% dos adolescentes de entre 12 e 18 anos presentarían un consumo problemático de cánnabis", o que significa que "nun de cada catro casos non se trata dun consumo ocasional ou anecdótico".

Na franxa de idade de 14 a 18 anos, a porcentaxe de consumidores de risco sitúase nun 4,9%, sendo o dobre do rexistrado a nivel estatal.

"O feito de que os niveis de consumo de risco sexan superiores aos obtidos a nivel estatal, mentres que os niveis globais de consumo son inferiores, podería estarnos a alertar dun empeoramento do patrón de consumo, compatible segundo algúns autores cun estancamento do consumo desta substancia en termos absolutos", detallan os responsables desta investigación.

Máis detalladamente, o estudo dilucida que un de cada catro adolescentes (25,4%) dos que consumiron cánnabis no último ano e algo máis dun de cada tres (37,5%) de quen o consumiu no último mes presentaría un consumo de alto risco desta substancia. 

A análise da relación entre o consumo de tabaco e de cánnabis revela que o consumo simultáneo de ambas as substancias é moito máis frecuente do que se podería pensar. Así, serían máis os adolescentes que fuman tabaco e cánnabis que os que unicamente consomen tabaco. En concreto, os que consomen ambas as substancias son o 12,7%, fronte ó 10,5% que consome só tabaco. 

As mozas presentan maiores porcentaxes cós varóns no consumo de risco de alcol ou no ciberacoso.

No traballo constatouse ademais que os adolescentes que consomen ambas as substancias presentan non só un maior consumo intensivo de alcol e máis borracheiras, senón tamén un maior consumo de risco.

Tamén se observaron maiores taxas de consumo doutras substancias, así como unha maior  comorbilidade con outras condutas tales como ou o uso problemático da internet, o sexting (envío de material sexual por medio de telénos móbiles), o ciberacoso ou as apostas en liña.

Os resultados obtidos en función do sexo serviron para poñer de manifesto ademais que as posibles implicacións do consumo simultáneo de tabaco e cánnabis afectan tanto a mozas como a mozos, rexistrando mesmo nalgúns casos maiores porcentaxes entre as mozas, como acontece, por exemplo, no consumo de risco de alcol ou no ciberacoso.

Atendendo ao grupo de idade, os resultados sinalan que os adolescentes galegos que consomen tabaco e cánnabis son os que mostran unha maior probabilidade de consumir outro tipo de substancias, independentemente da franxa de idade, así como de incorrer en condutas de risco na Rede, aínda que neste último caso iso se fai especialmente visible a partir dos 14 anos. 

O 52,1% dos adolescentes galegos consumiu alcol, un de cada catro emborrachouse, o 23,4% fumou tabaco e o 14,8% consumiu cánnabis.

SUBSTANCIAS MÁIS CONSUMIDAS

O alcol é a substancia máis consumida polos adolescentes de entre 12 e 18 anos, seguida do tabaco e o cánnabis. En concreto, máis da metade dos adolescentes da mostra (52,1%) beberan alcol no último ano, un de cada catro emborrachouse e o 18,1% consumiu seis ou máis bebidas alcohólicas nunha mesma ocasión ou episodio de consumo. O 23,4% fumou tabaco e o 14,8% consumiu cánnabis.

Ao analizar os niveis de consumo excluíndo os menores de 12 e 13 anos, observouse un lixeiro incremento para todas as substancias. E se se aíllan os resultados para os que teñen 12-13 anos, os datos revelan que un 27% bebera alcol no último ano (13,6% no último mes), o 9,4% consumira tabaco (6,7% no último mes) e o 4,5%, cánnabis (2,6% no último mes).

Atendendo ao grupo de idade, as diferenzas —din os investigadores, fanse máis que evidentes, sendo a porcentaxe de consumidores significativamente maior entre os adolescentes de 16-18 anos.

Por outra banda, as idades de inicio do consumo de tabaco e de cánnabis sitúanse nos 14,08 e 14,8 respectivamente, sendo a idade de inicio do consumo doutras substancias como o alcol de 13,6 anos; a da primeira borracheira, de 14,6; a da cocaína, 15,08 e a do consumo de éxtase, anfetaminas ou alucinóxenos, de 14,9. Ademais, o 56,3% dos que probaron o tabaco algunha vez na súa vida fixérono con 14 anos ou menos, sendo esta porcentaxe do 38,8% no caso do cánnabis.

No que se refire ao sexo, apenas se atoparon diferenzas entre mozos e mozas no consumo das distintas substancias e cando aparecen diferenzas (consumo de tabaco no último ano e alcol, borracheiuras e tabaco no último mes), as cifras de prevalencia son maiores entre as mozas.

Doutro lado están os que non consomen nin tabaco nin cannabis, o 74,7% dos adolescentes galegos.

O estudo, titulado 'Consumo de cannabis entre adolescentes: patrón de riesgo, implicaciones y posibles variables explicativas', vén de publicarse na Revista Adicciones.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta