Por E.P. | A CORUÑA | 31/07/2018 | Actualizada ás 15:56
Gloria Gaynor, Raphael e Estrella Morente serán algunhas das propostas musicais das Festas de María Pita na Coruña, que empezan este mércores 1 de agosto, con Mercedes Peón como pregoeira. O Concello da Coruña pon en marcha desde este mércores un dispositivo especial de transporte público urbano para favorecer o acceso e a participación dos veciños nas festas, así como fomentar a mobilidade sustentable, sobre todo durante a celebración dos concertos nocturnos do ciclo 'As noites de María Pita', o Festival Noroeste e a tradicional Batalla Naval.
Durante a celebración das festas estará dispoñible o servizo de paradas libres. Para poder utilizalo, as mulleres que viaxen soas só terán que avisar ao condutor no momento de subir ao vehículo da súa intención de solicitar o servizo. O programa das festas desenvolveranse durante todo o mes de agosto e o seu orzamento é similar ao de anos anteriores, sobre 1,5 millóns de euros, que permitirán ofrecer actividades para os diferentes públicos e que se celebren en diferentes localizacións da cidade herculina.
As Festas María Pita 2018 comezan este 1 de agosto co pregón a cargo da cantante coruñesa Mercedes Peón, quen tamén se subirá ao escenario para cantar, pero será un día despois. Tras a súa lectura, será a quenda do concerto de Gloria Gaynor, que estará no escenario da Praza de María Pita. Precisamente, esta praza será un dos escenarios destas festas, pois acollerá diferentes concertos, entre eles estará o día 2 agosto Mercedes Peón; o 3, Estrella Morente; e o sábado 4 será a quenda de Raphael. Tamén haberá concertos da Orquestra Sinfónica e outras propostas para diferentes tipos de público.
FEIRAS E FESTIVAIS
Dentro da oferta musical, tamén destaca a celebración do Festival Noroeste, coa participación de máis de 80 artistas. Do 7 e o 12 de agosto haberá actuacións, ademais de na praia de Riazor, en diferentes puntos da cidade da man de artistas como Belle and Sebastian, The Pretenders, Temples e Viva Suecia. Os xardíns de Méndez Núñez serán outro dos escenarios destas festas de María Pita, xa que acollerán a celebración da feira do libro e o festival 'Viñetas desde O Atlántico'.
A programación inclúe tamén a celebración o martes 14 de agosto da Batalla Naval no Paseo Marítimo e o parque de Santa Margarita tamén repite ao acoller a súa tradicional romaría a finais de mes. Na segunda quincena do mes, as festas trasladaranse aos barrios. Na programación tamén hai oco para o público infantil. 'O xardín dos libros' ou 'Familirúa' son algúns dos programas dirixidos aos máis pequenos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.