Publicidade na lingua dos consumidores

Cando a ocasión o require traemos a esta sección o debate sobre a publicidade en lingua galega para afondarmos na súa utilización nas estratexias comerciais que procuran buscar nos consumidores a fidelización ás marcas que se ofrecen.

Por Xosé Glez. | Redondela | 11/08/2018

Comparte esta noticia

Aínda son moitos os dirixentes empresariais que consideran que o noso idioma non é o medio indicado para pregoar as bondades das súas mercadorías. Prexuízos que teñen raíces ben chantadas nas mentes de moitos creativos formados en centros universitarios nos que, polo que se ve, o profesorado transmite de contínuo os mesmo tópicos e prexuízos sobre a lingua galega. Afortunadamente o andazo non está xa tan xeralizado últimamente; boas mostras son as exitosas campañas publicitarias de reputadas corporacións privadas e das administracións públicas, que son exemplares.

Vivamos como Galegos, campaña de publicidade de GADISA
Vivamos como Galegos, campaña de publicidade de GADISA

Na historia da publicidade en galego ten un lugar preferente o Almanaque Agrícola ZZ, editado en 1953 pola empresa agrofarmacéutica Zeltia, radicada no Porriño. Estamos a falar dunha empresa de gran proxección internacional creada moito tempo atrás polo médico Ramón Obella Vidal e o químico Fernando Calvet. Anos despois pasaría a ser propiedade do empresario Antonio Fernández López (Lugo, 1903-1971), un home de incuestionable galeguidade que destacou como mecenas de empresas culturais. A Revista de Economía de Galicia, da que foi membro do Consello de redacción editada pola editorial Galaxia que tamén cofundou; a Granxa Agrícola de Barreiros, innovadora na formación escolar e o Centro de Estudos Fingoi, son algunhas das súas creación durante a dictadura franquista.

Pero ao que iamos. O Almanaque Agrícola ZZ foi no seu tempo a única publicación comercial editada íntegramente en lingua galega que acadou tiradas de máis de cen mil exemplares. Estaba pensado para o mundo rural, e abofé que cumpríu os seus obxectivos: informar sobre os produtos químicos para atallar o andazo das pragas do gando e das colleitas. Distribuíase de balde nas feiras e centros de comercialización dos produtos de Zeltia. Contiña tamén  unha información variada e ampla, como a relación dos días e lugares das feiras e mercados en Galicia e as datas máis propicias para as sementeiras, que eran de gran utilidade.

 Engádaselle ademais o mérito de divulgar a cultura tradicional que tiña no refraneiro popular, o “gps” de hoxe, para orientar á xente  nos ires e vires dos fenómenos atmosféricos, por exemplo. Os contos populares ilustrados por recoñecidos artistas reforzaban as mensaxes. Nun tempo no que nas casas labregas non había libros na nosa lingua, o Almanaque ZZ foi a unha publicación de lectura obrigatoria pola súa utilidade cotiá. O Almanaque foi publicación de cabeceira dos notarios no que se refire á unificación e sistemación  nos textos legais de pesos e medidas, tan desemellantes e variados en Galicia.

Co gallo do 65 niversario da edición desta publicación, o Parlamento de Galicia, Secretaría Xeral de Política Lingüística e Foro E. Peinador, conxuntamente, convocan a XXV edición dos Premios da Publicidade en Galego, dirixido ás empresas anunciantes, ás axencias de publicidade e aos centros educativos, públicos, privados ou concertados, especializados nalgunha das áreas de coñecemento que teñan que ver coa publicidade.

Establécense cinco premios, un por cada unha das seguintes categorías, segundo o medio de difusión: radio, televisión, internet, prensa escrita e un extraordinario para proxectos elaborados polo alumnado de centros educativos. As Bases pódense consultar en www.lingua gal.
Unha das leis de ouro que rexen na publicidade é que, para ser eficaz, debe ser imaxinativa, comprensible, directa e que toque a febra sentimental dos consumidores, que non é outra  non é outra que a lingua galega, a maioritaria dos destinatarios da mensaxe. Zeltia entendeu moi ben aos seus potenciais consumidores por iso lles falou en galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA