Por Moncho Mariño | Santiago | 22/08/2018 | Actualizada ás 14:00
Os e as guías turísticas son as persoas que, segundo o Comité Europeo de Normalización (CEN) “guían aos visitantes no idioma da súa elección e interpreta o patrimonio cultural e natural dunha zona, que normalmente ten unha titulación específica sobre unha zona, normalmente emitida ou recoñecida polas autoridades competentes”. Así temos un colectivo que debera ter unha formación específica sobre patrimonio, sobre todo do lugar onde traballan-viven e unha acreditación que lles permita exercer a súa profesión, polo menos durante o tempo de verán, cando a afluencia de turistas e visitantes aumenta.
O certo é que pouco ou case nada se sabe desta profesión entre a maioría. Hai quen pensa neste colectivo como persoas que viven desta profesión e o resto do ano, que? “Realmente é unha profesión estacional que se usa como complemento con outras actividades” di Diego Lamas, responsable de APIT, Asociación Profesional de Guías Turísticos de Galicia.
CLIENTES
O caso de Compostela é algo curioso. “Realmente non hai turismo tal como se entende este fenómeno” di Diego Lamas. A cuestión é que os visitantes da cidade, peregrinos maioritariamente, son persoas que non buscan a visita guiada. “Os peregrinos non son clientes” que busquen a explicación ou a guía sobre este ou aquel edificio, monumento ou lugar concreto, di Lamas. Os peregrinos solicitarían en tal caso os servizos de guía se quixesen ir a lugares como Fisterra.
Aos clientes de nivel medio-alto “non lles parece caro contratar o servizo de guía” asegura Diego Lamas que tamén apunta “as visitas individuais que logo buscan unirse a un grupo porque así lles resulta máis económico”. A maior parte destas persoas son xente que buscaría apuntarse a visitas non só a espazos dentro das cidades senón lugares a certa distancia das mesmas.
ACREDITACIÓN DA PROFESIÓN
O maior número de guías turísticos está traballando baixo o RETA, Réxime de Traballadores Autónomos. “As tarifas varían, poden ser por medio día ou día enteiro segundo o grupo” segundo apunta Diego Lamas “o caso é que se por exemplo nun día se fan 100€, é moi posible que coas retencións acabes con 60€”.
No caso de Galicia boa parte das persoas que exercen esta profesión son licenciados e licenciadas en carreiras con coñecementos de historia e arte, ademais de haber tamén xente que se formou en linguas estranxeiras. Estas persoas tiveron que superar unhas probas para traballar como guías e así ter unha acreditación que lles permitía seren contratados e contratadas como tal. Esta acreditación era expedida pola Xunta, tamén a día de hoxe, pero coa diferenza de que primeiramente era unha acreditación que había que renovar cada certo tempo. Hoxe en día existe a formación en Turismo e a acreditación é un documento permanente, exento de renovación.
A día de hoxe esta permanencia da acreditación “é un factor que inflúe por exemplo no momento de reciclarse, pois ao non haber novas probas para manter a tarxeta acreditativa, non hai aprendizaxe de novas técnicas para interactuar cos visitantes” sentenza Lamas que tamén engade “a cuestión é que ser guía non é traballar nun espectáculo nin é dar unha clase de historia ou arte”.
LIBERALIZACIÓN
“Hai un proceso de liberalización dentro do sector que parece ser a tendencia en todo o estado” asegura Diego Lamas. Nese sentido o exemplo é Madrid onde si está completamente liberalizado o sector, “alí por exemplo os guías negocian co edificio, co monumento para levar xente”. A tendencia á liberalización sería a acreditación para exercer de guía en calquera parte do estado.
“O primeiro en perderse sería a especialización en Galicia, no noso caso”, pois a habilitación que lle permite a unha persoa facer de guía en Compostela, permitiríalle realizar o mesmo labor en Andalucía, por exemplo. Por tanto, o temor á perda da especialización en determinados temas, circuítos e espazos levaría canda si unha baixa na calidade dun servizo demandado ás veces por turistas esixentes.
E se falamos de visitantes, a cousa varía tamén. “Cos estranxeiros é máis doado que se fagan viaxes organizadas en grupo, é un sector cun bo negocio”, son persoas interesadas no que pode ofrecer a visita en canto aspectos culturais e xeográficos. Pola contra, “o turista español vai máis ao grastronómico” á visita de lugares con máis ou menos recoñecemento en canto os pratos típicos ou especialidades. Pero se se fala de visitantes esixentes, Diego Lamas di que “os alemáns son moi esixentes e os xaponeses esixen sobre todo formalidade”.
A profesión de guía turístico é pois unha ocupación estacional, moitas veces complementaria a outras fontes de ingreso para a persoa que exerce esta actividade. A necesidade dunha reciclaxe e especialización, segundo a APTI, son claves para ofrecer un servizo de calidade para visitantes moitas veces esixentes co que buscan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.