Inician as alegacións contra os parques eólicos de Coristanco, Carballo e Santa Comba

Nos documentos presentados, a veciñanza recolle puntos referidos ao impacto negativo para a contorna a nivel de saúde e a nivel medioambiental.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/08/2018 | Actualizada ás 12:11

Comparte esta noticia

Un centenar de veciños, na súa maioría afectados directamente polos tres parques eólicos que se queren instalar en Coristanco, Carballo e Santa Comba reuníronse este martes convocados pola plataforma veciñal "NON Eólicos Bustelo - Campelo - Monte Toural”. O tema a tratar, entre outros, eran as liñas de evacuación que transportarán a electricidade producida ata a subestación situada no Mesón do Vento. 

Serra do Gontón, onde Gas Natural Fenosa quere instalar un novo parque eólico en Mouriños que afectará ás poboacións de aves e morcegos
Serra do Gontón, onde Gas Natural Fenosa quere instalar un novo parque eólico en Mouriños que afectará ás poboacións de aves e morcegos | Fonte: Salvemos Cabanas

Nesta reunión tamén estiveron presentes persoas que, aínda que os seus terreos non están dentro da área dos futuros parques, se consideran afectadas polas consecuencias negativas destas instalacións. Así mesmo, acudiron á cita representantes de distintos grupos políticos que amosaron o seu respaldo ás reivindicacións da veciñanza.

Puxéronse en común as alegacións que se están xa a presentar por parte da veciñanza. Nelas recóllense puntos referidos ao impacto negativo para a contorna a nivel de saúde debido á contaminación dos campos electromagnéticos e o ruído dos parques eólicos asociados a estas liñas. A veciñanza tampouco esquece que a instalación destas infraestruturas afectaría de xeito grave tamén a nivel medioambiental, xa que, ademais da deforestación da contorna, existen varias especies, tanto animais como vexetais, que poderían verse danadas. Moitas delas están recollidas no catálogo de especies protexidas e, algunhas, coa categoría de especies en perigo de extinción. 

Ademais disto, na sesión tamén se debateron propostas de posibles actuacións futuras, que, segundo a plataforma, pasan por "seguir sumando apoios tanto da veciñanza como de todo tipo de colectivos e, por suposto, das institucións públicas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta