Denuncian problemas medioambientas tras a canalización e o cambio de curso dun regato en Ribeira

A asociación Verdegaia censura a actuación levada a cabo pola Demarcación de Costas no ano 2015, que modificou a desembocadura natural do regato ao construír unha cerca de madeira de gran altura que, agora, está en mal estado.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/09/2018 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

O Listres, situado entre as parroquias de Castiñeiras e Aguiño, era un regato que desembocaba na praia despois de facer un percorrido de meandros cambiante. Adaptábase á estrutura do areal. Pero foi no ano 2015 cando a Demarcación de Costas decidiu modificar a súa desembocadura a través dunha cerca de madeira. "Ao pouco de realizarse esa intervención puxémonos en contacto con responsables dese organismo, sen obter unha resposta clara acerca do obxectivo da obra en cuestión", apuntan dende a asociación Verdegaia. O resultado: problemas que precisan dunha "intervención urxente".

Río Listres
Río Listres | Fonte: BNG Ribeira

"En lugar de saír ao mar, a auga do Listres queda con frecuencia estancada na zona alta da praia, freada pola area, e recibindo a auga do mar, en lugar de levar as súas augas a el", explican. E sosteñen que o acontecido en decembro de 2015 se debeu precisamente á construción da cerca de madeira. O Concello e a Demarcación de Costas do Estado realizaron unha canalización de urxencia para permitir a evacuación da auga que xa desbordara inundando varias fincas da contorna, mesmo estragando a produción hortícola de varios veciños pola presenza de auga salgada.

Doutra banda, a asociación Verdegaia denuncia que, coa posta en marcha en agosto de 2016 da EDAR de Ribeira "comezou a funcionar o Tanque de Tormentas de Areeiros, cuxo aliviadoiro vai dar ao mencionado regato de Listres". Este está situado sobre a praia de "Catía-Castro", que é unha zona de baño habitual e está próxima a bancos marisqueiros. Ademais, está a poucos metros do importante polígono bateeiro 26-AROUSA "Ribeira B", que destaca precisamente por ser "un dos máis produtivos e de maior calidade de toda a ría de Arousa".

Neste momento, e dada a escaseza de precipitacións nos últimos meses, o regato baixa seco. Verdegaia di que agora "quedou só unha poza de auga estancada, fedorenta e insalubre, a medio camiño entre a zona de saída do alivio do tanque de tormentas e o tramo final xa na praia". Ademais, critican que a cerca, que no seu día se construíu para forzar o curso do río, atópase en moi mal estado. "Esta situación está provocando moito malestar entre a veciñanza da zona", indican nun comunicado.

"Pensamos que o problema pode agravarse aínda máis cando na temporada de chuvias se comencen a realizar alivios de augas fecais e pluviais ao regato, procedentes do tanque de tormentas", engaden. Por iso, solicitaron xa a Costas que tome as medidas necesarias para restituír o regato de Listres á súa situación orixinal, e "garantizar" que as súas augas vaian dar ao mar e non se produzan estancamentos, "cos conseguintes problemas de mal olor e contaminación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta