Por E.P. | VIGO | 11/09/2018 | Actualizada ás 18:10
En declaracións aos medios, o portavoz do goberno vigués, Carlos López Font, lembrou que o propio Feijóo se opuxo a unha comisión parlamentaria sobre o accidente do Alvia argumentando que non debía mesturarse a investigación xudicial cunha comisión política, porque "só prexudicaba ás vítimas".
"Pero cando é contra Vigo si que quere mesturar", criticou o concelleiro socialista, quen lembrou que, "casualmente", os argumentos esgrimidos no seu día por Feijóo son os mesmos que expón agora o goberno vigués con respecto ao accidente do Marisquiño. "Deixemos traballar á xustiza, é o que dixemos desde o primeiro día", sentenciou.
Por outra banda, o concelleiro socialista Santos Héctor Rodríguez, confirmou que proporá ao seu grupo municipal a presentación de varias iniciativas no pleno do Concello, co obxectivo de crear dúas comisións de investigación no ámbito municipal.
Segundo incidiu, unha delas sería para investigar a relación de Núñez Feijóo con Marcial Dorado e a desaparición, durante unhas inundacións, de documentos que vinculaban ás empresas do narcotraficante co Sergas. A outra comisión que se proporía, sería para investigar "os incumprimentos" da Xunta con Vigo no últimos dez anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.