A Xunta quere preparar a bombeiros e grupos de emerxencia para “loitar contra a invasión das velutinas”

Convoca cursos específicos para facer fronte a praga desta especie asiática que está presente xa en case toda Galicia. Para iso, os profesionais terán que aprender a destruir niños e erradicar colmeas. Con todo, e a pesar da alarma, o sector do mel segue crecendo en Galicia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/09/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Xunta quere preparar a todos os seus equipos de emerxencia –bombeiros, Protección Civil e GES-- para facer fronte ás velutinas. Ata agora, só os grupos de protección civil contaran con certa formación do propio Goberno galego sobre a vixilancia e control desta especie invasora. Pero este ano, a Xunta puxo en marcha cursos específicos para a “intervención dos corpos de emerxencias na loita contra a invasión da avespa velutina”.

Retirada de niños de velutina en Culleredo (A Coruña)
Retirada de niños de velutina en Culleredo (A Coruña)

De feito, este é o nome do curso de formación continua para o persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil, bombeiros dos Parques, dos Parques de Consorcios e dos grupos de Emerxencias Supramunicipal. Unha formación que forma parte do Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga). 

Este plan, do 2010, establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que se poidan producir en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos. De feito, a Xunta considera xa as velutinas como un “risco” --aína que non como unha praga-- e aposta por formar ao seu persoal para facer fronte a “esta invasión”. 

Para iso, haberá unha formación en “fisionomía, hábitat e costumes da vespa velutina”, nos “protocolos de actuación e epis persoais”  e clases prácticas de colocación de elementos de traballo en altura para a destrucción de niños e colocación de trampas, así como de retirada de colmeas. O curso constará de 20 horas e comezarán na Academia Galega de Seguridade ( Agas) da Estrada. 

Estes ciclos formativos non son os primeiros que o Goberno galego imparte ao persoal de emerxencia de Galicia, pero si os primeiros específicos para “loitar contra a invasión das velutinas”. Ata agora a Agas xa impartira outros cursos pero só centrados no plan de control e vixilancia das velutinas ou en formación específica para actuar fronte a esta especie e que se viñan realizando, especialmente para integrantes de Protección Civil, desde o 2016.

A avispa invasora 'vespa velutina'. CARLES LOPEZ BUSTINS
A avispa invasora 'vespa velutina'. CARLES LOPEZ BUSTINS | Fonte: UNIÓ DE PAGESOS - Archivo

INTERVENCIÓNS

Esta preparación especial chega logo da alarma creada polas picaduras deste animal. Pero, sobre todo, chega co aumento en todo o país das velutinas que xa son consideradas unha praga por partidos políticos e distintas asociacións apícolas. 

De feito, o aumento foi importante. Se no 2017 se puxeron trampas en 218 municipios, este ano haberá actuacións en 252, é dicir, o 80 % dos concellos galegos. Un aumento que ten qu ver cunha maior concienciación por parte de produtores apícolas, Xunta e a sociedade en xeral. E o certo é que a súa presenza é masiva en 28 concellos nos que se detectaron entre 26 e 100 niños desta especie. 

SITUACIÓN DO SECTOR APÍCOLA

Con todo, e a pesar da alarma xerada, o sector do mel en Galicia segue crecendo, sendo como son as velutinas depredadoras da abella galega. Desde os últimos catro anos o censo de colmeas disparouse un 41% e o dos produtores, un 19%, o que supón multiplicar por oito o crecemento que se produciu a nivel nacional.

De feito, o pasado mes de marzo, e segundo os últimos datos oficiais do Ministerio de Medio Ambiente, o número de explotacións apícolas en Galicia alcanzou as 4.213. É a cifra máis alta da historia. Na última década, creceu un 21%, fronte a un 14% da media nacional.

Lolo Andrade retirou no municipio coruñés de Coirós un niño de avespa velutina de máis dun metro de alto e de case 20 quilos de peso
Lolo Andrade retirou no municipio coruñés de Coirós un niño de avespa velutina de máis dun metro de alto e de case 20 quilos de peso | Fonte: CONTEXTOPLUS.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta