Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/09/2025 | Actualizada ás 18:51
O curso 2025-2026 arrancará este luns, 8 de setembro, nas tres universidades públicas galegas —Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo—, co 10 % das prazas de novo ingreso sen cubrir. Das 194 titulacións ofertadas, quedaron completas 175 tras o sexto e último chamamento ordinario da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG), e os estudantes convocados terán ata este venres para formalizar a matrícula. As vacantes restantes intentaranse cubrir durante as primeiras semanas do curso.
Na Universidade de Santiago de Compostela (USC) quedan espazos en 13 carreiras, cinco na capital galega —Ciencia Política e da Administración, Filoloxía Clásica, Historia da Arte, e Xeografía e Ordenación do Territorio— e oito no campus de Lugo, entre elas Enxeñaría Civil, Enxeñaría Forestal, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Paisaxe, Xestión Cultural e o Grao Aberto 5USC Enxeñarías.
Na Universidade de Vigo (UVigo) permanecen vacantes 11 titulacións, repartidas entre os campus de Vigo, Pontevedra e Ourense, incluíndo Telecomunicacións, Filoloxía Aplicada, Enxeñaría Forestal e dobres graos como ADE e Enxeñaría Informática. Na Universidade da Coruña (UDC), seis graos non completarán a súa oferta, destacando Estudos Lingüísticos e Literarios, Socioloxía e Turismo en liña na cidade herculina, e Relacións Laborais e Xestión Dixital en Ferrol.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.